O Concello de Oroso finaliza os traballos de limpeza e humanización da senda peonil entre Sigüeiro e Gándara
O Concello de Oroso informa da
finalización dos traballos de humanización, acondicionamento e limpeza da
senda que une Sigüeiro coa parroquia de Gándara.
Estas obras, impulsadas polo goberno local, permitirán aumentar a seguridade
dos peóns nos seus desprazamentos.
Os traballos, que acondicionaron un tramo de 1’5 quilómetros, incluíron a
colocación de céspede artificial na senda. Ademais, procedeuse á limpeza da
vía, moi transitada polos veciños e veciñas dos núcleos de poboación que une.
Estas tarefas súmanse á recentemente terminada senda peonil que une Oroso
Pequeno co parque fluvial do Carboeiro. “Os veciños e veciñas gozan dela para
pasear a diario, pero tamén conta cunha notable presenza de peregrinos, xa
que o Camiño Inglés discorre por ela”, subliña Antonio Leira, concelleiro de
Turismo.
"Oroso é un dos concellos da provincia con máis quilómetros de sendas peonís,
polo que para nós é unha prioridade asegurar que estes tramos entre
parroquias estean nas mellores condicións posibles, con actuacións que
permiten mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”, engade Luis Rey,
alcalde de Oroso.