Luis Rey anuncia melloras en viais de Senra nos vindeiros meses cun investimento de 250.000 euros
A actuación máis relevante será a dotación de aglomerado na pista Baiuca- Requeixo, cun importe de 160.000 euros
O alcalde de Oroso, Luis Rey, vén de anunciar que nos
vindeiros meses o goberno local acometerá a través de diferentes plans de obras
varias actuacións de mellora de viais na parroquia de Senra cun investimento global
de 250.000 euros.
A actuación máis relevante consistirá na dotación de aglomerado na pista Baiuca-
Requeixo, cun importe de 160.000 euros, seguida do asfaltado da pista do Formigueiro
á estrada da Deputación (40.000 euros), o asfaltado dunha pista en Arderís (30.000
euros) e a mellora da pista das Eiras ata a estrada.
O rexedor local xa avanzara a próxima execución destas obras durante unha reunión
que mantivo hai días cos veciños e veciñas de Senra, acompañado polos membros do
goberno. “Foi un dos encontros que estou a manter como alcalde coa veciñanza de
todas as parroquias para coñecer de preto as súas necesidades e peticións e
explicarlle as actuación específicas que temos previsto acometer na súa zona”,
explicou.
Por outra parte, o rexedor local tamén supervisou nos últimos días o remate dos
traballos acometidos nas últimas semanas na pista de Eirís, na parroquia de Cardama,
na que se mellorou o pavimento e se incrementou a seguridade vial.