subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso convoca o concurso de receitas de entroido “En galego sabe mellor”.


O gañador levará unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio e o prazo de presentación remata o 5 de febreiro.

O Concello de Oroso convoca o concurso de receitas de entroido “En galego sabe mellor”, unha iniciativa que chega este ano á súa cuarta edición e coa que se busca combinar a recuperación de receitas tradicionais de entroido co uso da lingua galega. Por iso, o xurado non só valorará a presentación e a creatividade do prato, senón tamén o uso que se fai na receita do idioma galego.

O concurso está aberto para todos os veciños e veciñas de Oroso maiores de 16 anos, podendo presentar ata un máximo de dúas receitas por participante. O gañador levará unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio, mentres que o finalista acadará un libro de cociña. Ambas receitas serán publicadas posteriormente na páxina web municipal (www.concellooroso.com) para que así tamén as poidan elaborar todos os internautas que o desexen.

As receitas deberán entregarse mecanografadas no centro cultural Fernando Casas e Novoa antes do vindeiro 5 de febreiro. Posteriormente, deberase presentar o prato cociñado da casa o 7 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro, ben en horario de 9:00 a 14:00 horas ou ben de 17:00 a 18:00 horas.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto aberto ao público no centro cultural de Sigüeiro. As bases do concurso poden recollerse no centro cultural ou descargarse da páxina web.

Acceder as bases