subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso convoca un programa de bolsas dirixido a mozos que abandonaron os estudos e persoas en risco de exclusión social.


O Concello subvencionará 20 bolsas para a realización doutros tantos curso de formación na Aula Mentor e 3 bolsas para facer itinerarios formativos.

O prazo para solicitar as bolsas ábrese este luns 7 de outubro.

O Concello de Oroso vai poñer en marcha un programa pioneiro para a formación de persoas adultas, co obxectivo de axudar a estes veciños e veciñas a completar a súa formación profesional a través da aula EducaOroso. “Ímonos centrar nos mozos e mozas que abandonaron os seus estudos e tamén en persoas en risco de exclusión social”, explica o concelleiro de Ensino, Antonio Leira.

Este innovador programa inclúe dúas iniciativas diferenciadas: 20 bolsas para a realización de cursos online da Aula Mentor e outras 3 bolsas para a realización de itinerarios formativos, que constan de 3 cursos da Aula Mentor e do mesmo sector laboral. Un total de 23 bolsas que serán financiadas integramente polo Concello de Oroso, polo que esta formación complementaria sairalles de balde aos participantes no programa.

Apertura das inscricións

As 23 bolsas están dirixidas a rapaces e rapazas de entre 16 e 24 anos que abandonaran o sistema educativo sen obter o graduado en ESO, a alumnos de 3º e 4º da ESO ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI) en risco de exclusión social e a persoas en risco de exclusión social (con informe dos Servizos Sociais de Oroso). As persoas interesadas en participar, que tamén deben estar empadroadas en Oroso, deberán anotarse a partir do vindeiro luns 7 de outubro no Rexistro Xeral do Concello de Oroso.

No caso das 20 bolsas para cursos online da Aula Mentor, que terán unha duración de 2 meses, serán concedidas por orde de solicitude (sempre que cumpra os requisitos da convocatoria). No caso das 3 bolsas para a realización de itinerarios formativos, estes itinerarios constarán de 3 cursos da Aula Mentor, tamén gratuítos, do mesmo sector laboral e para os que o alumno disporá dun tempo de 6 meses.

No caso das 3 bolsas para itinerarios, a súa concesión non se fará por orde de solicitude senón que será decisión dunha comisión avaliadora, xa que o aspirante ten que xustificar por escrito o efecto que terá a realización destes cursos sobre a súa vida laboral. Só se valorarán os méritos entregados canda a solicitude: adecuación do proxecto á oferta da Aula Mentor (6 puntos), necesidade xustificada de realización da actividade (6 puntos) e breve currículo do solicitante (3 puntos). Máis información no Departamento de Servizos Sociais de Oroso.

Antonio Leira explica que “priorizaremos que a adxudicación das bolsas recaia en destinatarios diferentes, para beneficiar a un maior número de persoas. Non obstante, se non se adxudicasen todas as bolsas, a comisión avaliadora podería permitir que os alumnos podan optar a máis dunha bolsa”. O Concello de Oroso facilitará os medios, o apoio e a orientación precisa para a realización das actividades.