subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A gardería municipal da Ulloa acolle este mércores unha charla de prevención e hábitos de vida saudables na idade preescolar.


 

O Concello de Oroso retoma este mércores 1 de xuño as charlas informativas dirixidas aos pais e nais con nenos e nenas nas escolas infantís do municipio, que se comezaron a impartir en outubro de 2014 e que acadaron unha elevada participación. Nesta ocasión, a charla ten como título “Prevención e hábitos de vida saudables na idade preescolar” e terá lugar este mércores 1 de xuño, ´de 17:00 a 19:00 horas, na gardería municipal da Ulloa.

A participación é totalmente de balde, se ben por razóns de organización é preciso anotarse previamente na propia escola infantil municipal da Ulloa (981 691 505), a gardería Chousa Nova (981 688 909) ou nos Servizos Sociais de Oroso (981 688 950). A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, explica que o obxectivo deste tipo de charlas “é que os pais e nais teñan un lugar no que tratar temas de interese sobre os seus pequenos, ao tempo que poden resolver calquera das dúbidas que se lles presenten”.

En anteriores edicións abordáronse cuestións relacionadas coa seguridade dos pequenos (cun curso de pequenos auxilios e outro de prevención de accidentes no fogar) ou sobre como conseguir unha alimentación correcta e equilibrada nos pequenos.