subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Veciñas e alumnas do IES de Oroso participan nun curso de defensa persoal.


Os nenos e nenas de infantil dos CEIP de Sigüeiro e do Camiño Inglés asistiron a un espectáculo con monicreques sobre intelixencia emocional.

orosoUnha decena de mulleres de Oroso iniciaron na mañá do mércores 8 de marzo en Oroso o “Curso de defensa persoal para mulleres”, unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso e impartida por monitores de Keysi By Justo Diéguez, con Manuel Vázquez á fronte. “Trátase dunha iniciativa gratuíta que o Concello de Oroso leva facendo nos últimos anos coincidindo co 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, e que, debido á súa gran aceptación, este ano decidiu incluílo tamén na programación do Día Internacional da Muller”, explica a concelleira da Muller, María del Carmen Liste.

Durante hora e media, dez veciñas de Sigüeiro aprenderon técnicas e sobre todo actitudes para enfrontarse a unha situación de violencia. “Non é tanto que aprendan a dominar a unha técnica de defensa ou de contraataque, senón máis ben que teñan a actitude correcta para saber enfrontarse á situación”, explica Manuel Vázquez. Así, durante a primeira das catro sesións das que consta o curso, as alumnas aprenderon a protexérense de golpes á cabeza utilizando os seus cóbados tanto para minguar o golpe como para buscar causarlle tamén un dano ao agresor.

Esta tarde, as ensinanzas trasladaranse do tatami do polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro ás aulas do IES de Oroso, onde entre as 16:30 e as 18:10 horas terá lugar un obradoiro “Violencia no namoramento”, no que se tratará de explicar aos alumnos e alumnas do instituto que comportamentos son agresivos e impropios dunha relación amorosa.

Monicreques

oroso Previamente, uns 170 nenos e nenas de educación infantil do CEIP de Sigüeiro e do CEIP do Camiño Inglés asistiron no centro cultural de Sigüeiro a un espectáculo de Títeres Babaluva, denominada “Tita”. Trátase dunha montaxe de teatro de monicreques e actrices sobre a intelixencia emocional e a súa importancia na infancia. Un espectáculo no que Tita, unha nena de oito anos, amosa aos nenos e nenas a dificultade de xestionar as propias emocións co obxectivo de enfrontalas cara a cara e gozar así de harmonía emocional.

María del Carmen Liste deu a benvida aos pequenos e agradeceu a colaboración dos seus mestres e mestras xa que “a educación en igualdade é fundamental para conseguir algún día a plena igualdade entre homes e mulleres”.