subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso conmemora o Día Contra a Violencia de Xénero expoñendo os traballos dos rapaces e rapazas orosás e repartindo 4.000 bolsas da compra co lema “abre os ollos” en 80 comercios.


Dende primeira hora da mañá e ata mañá sábado, os comercios de Oroso entregarán á súa clientela bolsas malva co lema “Contra a violencia de xénero: abre os ollos”

Ás 18:30, o centro cultural de Sigüeiro acollerá un espectáculo de animación e unha exposición dos traballos realizados sobre igualdade de xénero por nenos e nenas do IES Oroso e do CEIP de Sigüeiro .

orosoO Concello de Oroso celebra este venres unha xornada especial para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e na que se culminará o traballo desenvolvido ao longo do último mes e medio a través do programa “Abre os ollos”, unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso, en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Municipios de Ordes, e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo. Así, dende primeira hora da mañá un total de 80 establecementos comerciais de Oroso iniciarán o reparto de 4.000 bolsas da compra de tea ecolóxica co lema “Contra a violencia de xénero: abre os ollos”. Estas bolsas da compra reutilizables serán repartidas entre os compradores e compradoras que acudan a Oroso durante o venres 23 e o sábado 24 de novembro en troques da bolsa habitual de cada establecemento.

Colaboración do comercio

A concelleira de muller e igualdade, María del Carmen Liste, agradece a colaboración amosada polos establecementos comerciais de todo o municipio xa que “son oitenta os que durante estes dous días van cambiar as súas bolsas promocionais polas da campaña contra a violencia de xénero, pero son moitos máis os establecementos e empresas que apoiaron esta iniciativa”. É o caso dos bares e restaurantes do municipio, que se adheriron á campaña contra a violencia de xénero pero que non participarán na entrega de bolsas xa que a súa actividade non inclúe o reparto de bolsa ningunha á súa clientela. Durante esta semana, o Concello de Oroso colocou numerosos carteis informativos sobre a campaña tanto nos distintos locais municipais como en establecementos que colaboran desinteresadamente coa campaña.

A iniciativa “Contra a violencia de xénero: abre os ollos” conta tamén co apoio da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sigüeiro (ACES) e mesmo de grandes superficies como Día, que participou na recollida de sinaturas en contra da violencia de xénero, ou o grupo Eroski, que ademais das sinaturas tamén participará mañá venres e o sábado no reparto de bolsas entre a súa clientela.

Acto conmemorativo

Por outra banda, ás 18:30 horas o centro cultural de Sigüeiro acollerá un acto conmemorativo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e pola concelleira de muller e xuventude, María del Carmen Liste. Un acto aberto a toda a cidadanía de Oroso e que incluirá un sorprendente espectáculo de animación relacionado coa violencia de xénero e unha actuación musical.

Durante o acto repartiranse lazos contra a violencia de xénero, darase lectura a un manifesto contra a violencia que puideron asinar os veciños e veciñas de Oroso tanto de xeito presencial (nos comercios e locais municipais) como en liña (a través da páxina web) e presentaranse os traballos realizados por máis de 150 nenos e nenas do CEIP de Sigüeiro e do IES Oroso durante a campaña “Abre os ollos”. Uns carteis nos que os nenos e nenas orosáns envían aos seus maiores unha serie de mensaxes a prol da igualdade entre homes e mulleres.

Tanto o reparto de bolsas como a actuación preventiva cos nenos e nenas de Oroso están incluídos na iniciativa “Abre os ollos”, posta en marcha a principios de outubro polo Concello de Oroso en colaboración co CIM da Mancomunidade de Municipios de Ordes. Dous proxectos que foron financiados grazas ás achegas da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.