subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Máis dun centenar de veciños e veciñas participan na xornada Contra a Violencia de Xénero do Concello de Oroso baixo o lema “abre os ollos”.


O Concello de Oroso elaborará un novo “Manual dos bos tratos”, unha guía didáctica para que o profesorado dos centros educativos poida seguir tratando sobre igualdade nas súas clases.
O acto incluíu unha exposición dos traballos realizados sobre igualdade de xénero por nenos e nenas do IES Oroso e do CEIP de Sigüeiro.

orosoO Concello de Oroso celebrou na tarde do venres o seu acto conmemorativo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se pechará mañá sábado coa segunda xornada do reparto de 4.000 bolsas da compra co lema “Contra a violencia de xénero: abre os ollos” entre os veciños e veciñas do municipio. Un cento destes veciños e veciñas, de todas as idades, reuníronse esta tarde no centro cultural de Sigüeiro para asistiren á inauguración dunha exposición dos traballos realizados por máis de 150 nenos e nenas do CEIP de Sigüeiro e do IES Oroso durante a campaña “Abre os ollos”.

A concelleira de muller e xuventude, María del Carmen Liste, destacou a presenza de tantos nenos e nenas xa que “con este programa pretendiamos dotar aos nosos nenos e nenas dos coñecementos precisos para vivir en igualdade. Porque só así acabaremos coa lacra social da violencia de xénero”. Así mesmo, anunciou que “elaboraremos un Manual dos bos tratos, que será unha guía didáctica para que o profesorado dos centros escolares de Oroso poida seguir tratando nas súas clases sobre temas relacionados coa igualdade”. Esta será a segunda edición deste manual despois do editado en 2008 e que se pode consultar na web municipal.

Música e monicreques

María del Carmen Liste sinalou que coa violencia de xénero “non podemos mirar cara a outro lado, non podemos permitir nin unha vítima máis. Todos e todas temos que abrir os ollos”. Unha mensaxe que foi representada a través dunha bailarina que era manexada coma un monicreque por parte dun home ata que un dos rapaces presentes no acto cortou as cordas que a mantiñan sometida. A música púxoa o profesorado da aula de música de Oroso, que interpretaron varias cancións actuais con mensaxes relacionadas coa violencia de xénero.

Durante o acto, tanto o Concello de Oroso como a Mancomunidade de Ordes repartiron entre os presentes lazos malva contra a violencia de xénero e facilitaron a sinatura dun manifesto contra a violencia, que aínda pode ser asinado en liña a través da páxina web municipal (www.concellooroso.com).

Tanto o reparto de bolsas como a actuación preventiva cos nenos e nenas de Oroso están incluídos na iniciativa “Abre os ollos”, posta en marcha a principios de outubro polo Concello de Oroso en colaboración co CIM da Mancomunidade de municipios de Ordes. Dous proxectos que foron financiados grazas ás achegas da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

Reparto de bolsas

Durante a xornada de mañá sábado continuará o reparto das 4.000 bolsas da compra de tea ecolóxica co lema “Contra a violencia de xénero: abre os ollos”, que xa comezaron a ser repartidas durante a xornada de hoxe venres grazas á desinteresada colaboración de máis de 80 establecementos comerciais do municipio que, por dous días, cambiaron as súas bolsas habituais por estas bolsas solidarias.