subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O compostelán Víctor José González Rivera gaña o III Concurso de Fotografía Muller Traballadora do Concello de Oroso.


A exposición coas 24 fotografías participantes poderá visitarse na Aula de Música de Sigüeiro ata o 29 de marzo.

orosoO compostelán Víctor José González Rivera gañou o primeiro premio do III Concurso de Fotografía Muller Traballadora do Concello de Oroso pola súa fotografía “A Madriña”, un primeiro plano en branco e negro das mans dunha costureira ganchillando. O segundo premio foi para José Luís Fernández Esteller, veciño de Touro, coa súa fotografía “Queixeira”, que recolle un momento do traballo destas mulleres. Completou o podio María José Otero Ramos, coa súa foto “Sempre nos di: e na casa sempre hai que facer” na que esta veciña de Compostela recolle unha imaxe dunha vella vendendo cebolas no chan do mercado.

A concelleira de Muller e Igualdade de Oroso, María del Carmen Liste, lamentou que ningún dos tres gañadores estivera presente para recoller o seu premio e salientou o feito de que “por segundo ano consecutivos, nun concurso sobre a muller traballadora sexan dous homes os que gañen. Isto penso que é moi importante porque acadar unha igualdade real pasa non só polo traballo das mulleres, senón tamén por contar co apoio dos homes”.

Nesta edición presentáronse un total de 24 fotografías, nove máis que na edición anterior. Unhas imaxes que poderán ser visitadas libremente polos veciños e veciñas de Oroso ata o vindeiro 29 de marzo na Aula de Música, situada no edificio do antigo centro de saúde de Sigüeiro. O Concello de Oroso porase en contacto cos tres gañadores para facerlles chegar os seus premios de 250, 250 e 100 euros, respectivamente.

Clown interactivo

A “frustrada” entrega de premios tivo lugar despois dun espectáculo de clown interactivo da compañía Duende Sico. Unha obra titulada “Non sabes quen es” e na que os dous actores da compañía compostelán implicaron aos preto de corenta asistentes nun espectáculo interactivo no que puideron reflexionar sobre o rol da muller na nosa sociedade. Unha das asistentes deu lectura a un manifesto a prol da Muller Traballadora acordado polo Concello de Oroso.