subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso retoma a iniciativa "Martes saudables", dirixida a mellorar a saúde dos maiores do municipio.


Trátase de xornadas informativas gratuítas que terán lugar nas tardes dos martes do mes de novembro e que tratarán sobre primeiros auxilios, hábitos saudables, nutrición e estimulación cognitiva.

O Concello de Oroso retoma durante este mes de novembro a iniciativa “Martes Saudables”, que consiste en catro xornadas informativas que pretenden achegar aos maiores de Oroso temas relacionados co coidado da súa saúde. Un programa celebrado con éxito en 2009 e que agora o Concello de Oroso retoma xa que “este tipo de charlas e obradoiros prácticos lles servirán aos nosos maiores para coñecer consellos prácticos e sinxelos para mellorar o seu estado de saúde”, explica o concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira.

As charlas terán lugar todos os martes do mes de novembro, entre as 17:00 e as 19:00 horas, no Local da Terceira Idade, situado na rúa do Campo nº 9 (Sigüeiro) e no que o Concello de Oroso vén de facer un importante traballo de mellora para adaptar o inmoble (antigamente local de pediatría) ás necesidades dos maiores, o que lles permite dispoñer dun gran local onde celebrar actividades como os “Martes saudables”. A participación é totalmente libre e de balde.

A temática destas charlas e obradoiros estarán relacionadas coa saúde e coa nutrición, principalmente. Así, o martes 5 de novembro abriranse os “Martes Saudables” cun obradoiro de estimulación cognitiva, que ensinará aos maiores de Oroso pequenos trucos para lembrar as cousas e, ao mesmo tempo, amosaralles actividades para manter as súas mentes en forma. O martes 12 de novembro terá lugar un obradoiro de primeiros auxilios, no que os asistentes aprenderán como actuar no caso dun pequeno accidente doméstico.

A terceira charla terá lugar o 19 de novembro e tratará sobre os beneficios que supoñen para a saúde dos nosos maiores unha coidada nutrición e a realización de exercicio. Finalmente, os “Martes Saudables” pecharanse o 26 de novembro cun obradoiro de hábitos saudables. “Eliximos esta temática porque pensamos que lles será especialmente útil a un colectivo tan numeroso e activo en Oroso como é o da terceira idade, pero estamos abertos a calquera suxestión dos nosos maiores para tratar todos aqueles temas que lles interesen”, sinala Antonio Leira. Máis información no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oroso ou no teléfono 981 688 950.