subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso convoca a cuarta edición do concurso de fotografía “Muller traballadora” .


Poderán presentarse todas as persoas que o desexen, que deberán entregar no centro cultural de Sigüeiro ata un máximo de 3 propostas antes do 26 de febreiro.

O Concello de Oroso vén de convocar a cuarta edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame aberto a todo o mundo: sexan profesionais ou afeccionados, veciños de Oroso ou doutros municipios. A única esixencia é que a temática das imaxes debe xirar en torno a situacións que reflictan o traballo das mulleres, en calquera eido.

As fotografías, cun máximo de tres por participante, deberán presentarse no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro antes do vindeiro 26 de febreiro. O Concello de Oroso destina 500 euros en premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados.

As fotografías deberán ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos. O seu formato será de 20 x 30 centímetros, en cor ou en branco e negro, e presentaranse sen montar, sen paspartú, sen marco nin cristal. As bases do concurso prohiben o uso de calquera programa de retoque fotográfico.

As fotografías entregaranse baixo o sistema de plica e cun CD coa imaxe en formato dixital. Ademais, aquelas imaxes nas que apareza unha persoa identificable deberán contar co consentimento da persoa retratada. Todas as bases do concurso poden descargase da web municipal [Bases Concurso de Fotografía]. O fallo do xurado darase a coñecer o vindeiro 8 de marzo, no marco das celebracións municipais do Día da Muller Traballadora.