subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os nenos/as do rural orosán disporán de autobús para asistir en Sigüeiro á cabalgata dos Reis Magos


Previamente, as súas maxestades de Oriente ofrecerán unha recepción no pavillón de deportes de 10.30 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas

orosoO Concello de Oroso rematará as actividades da programación de Nadal este xoves, día 5 de xaneiro, coa tradicional recepción dos Reis Magos e a posterior cabalgata, que percorrerá varias rúas de Sigüeiro a partir das 18.00 horas. Como novidade, e co obxectivo de facilitar que todos os/as cativos/as do rural poidan acompañar a Melchor, Gaspar e Baltasar, habilitarase un autobús gratuíto que sairá ás 15.45 horas e realizará dúas rutas polas parroquias.

A primeira ruta contará con paradas en Recouso, Igrexa Pasarelos, Calvente, Sar, Torre, Senra-Tabernas, Cardama, Couso, Curro, Vilarromariz-Taberna, Vilarello, Falmega, Carollo, Porto Avieira, Gándara e Sigüeiro. A segunda, pasará por O Cano, A Costa, Escola de Trasmonte, Capela de San Román, Fafián, Empalme, Bouzalonga, Baxoia, Os Carballos, Vilalbarro, Oroso Pequeno, Berdomas, Portiño, Vilacide e Alto Vilanova. Aquelas persoas que desexen obter máis información sobre este servizo de transporte poderán chamar ao teléfono 981 69 14 78.

En canto ao horario das actividades, as súas maxestades de Oriente sairán ás 18.00 horas desde o CEIP do Camiño Inglés e continuarán o seu traxecto pola estrada N-550, a Avenida da Grabanxa, a Rúa do Deporte e a Rúa Camiño Inglés, para finalizar na Praza do Concello, onde serán recibidos pola Corporación Municipal e o alcalde, Luis Rey.

Antes de que comecen o seu percorrido polas rúas de Oroso, os Reis Magos ofrecerán unha recepción aos nenos e nenas do municipio no Pavillón de Deportes, de 10.30 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas.