subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A escritora orosá Estela Suárez e o ilustrador Heitor Picallo presentarán en Sigüeiro o conto infantil “Non quero xogar ás agachadas coa lúa”


orosoA escritora Estela Suárez Recouso e o ilustrador Héitor Picallo Fuentes presentarán o próximo venres 18 de decembro, ás 20:00 horas, a súa última colaboración editorial, o conto infantil “Non quero xogar ás agachadas coa lúa”. A obra, que está publicada por Edicións Fervenza e conta coa colaboración do Concello de Oroso, será presentada no centro cultural de Sigüeiro nun acto aberto a todos os públicos e no que a entrada é de balde.

Este conto está escrito por Estela Suárez, veciña de Oroso, e conta con traballadas ilustracións que correron a cargo de Héitor Picallo, natural de Cuntis. A historia céntrase na relación de amizade que establece a lúa e o protagonista, un cativo chamado Xan.

No acto de presentación contarase coa participación do alcalde de Oroso, Manuel Mirás; da autora Estela Suárez, do ilustrador Héitor Picallo; do escritor e profesor Miro Villar e do responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. O acto contará coa actuación do cantautor Manoele de Felisa, que interpretará diversas cancións infantís para o público asistente.

Estela Súarez Recouso

Estela Suárez está licenciada en Filoloxía Galega e actualmente atópase estudando Pedagoxía. O seu primeiro certame literario gañouno na súa localidade natal, Oroso, en 1999. Nese momento comezou a súa andaina literaria, sucedéndose diversos premios en certames de narrativa e relatos curtos.

Entre os últimos recoñecementos recibidos atópase o primeiro premio á mellor curta no V Certame de Curtas para Rosalía da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e o segundo premio do III Concurso de Curtametraxes “E ti que ves?”, de Adega; ambos neste ano 2015.