Oroso e Góis inician o segundo decenio do seu certame artístico co firme propósito de facelo medrar aínda máis.
Manuel Mirás destaca o labor dos creadores de arte e amosa a súa gratitude coa colaboración da localidade portuguesa, entregándolle unha mención especial á presidenta da Cámara Municipal.
Hoxe inaugurouse a mostra de 2016 con obras de máis de medio cento de artistas galegos e portugueses, que pode visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 2 de outubro.
Oroso e Góis inauguraron en Sigüeiro o certame internacional GóisOrosoArte 2016. Na que é a undécima edición deste encontro artístico, as dúas localidades apostaron por facelo medrar aínda máis, agora que entra no seu segundo decenio. O acto estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Cultura, Luis Rey Villaverde. Asistiu unha delegación da Cámara Municipal de Góis, encabezada pola súa presidenta, María Lurdes Oliveira Castanheira.
Mirás amosou a súa gratitude con todos os artistas que levan participado en GóisOrosoArte desde a súa creación: “sodes o pilar fundamental do certame, sen vós non tería sido posible”, afirmou, á vez que os animou a reforzar aínda máis a colaboración coas institucións políticas en vindeiras edicións.
O alcalde de Oroso tivo tamén palabras de agradecemento á Cámara Municipal de Góis, que a principios do pasado mes de agosto distinguiu o Concello de Oroso coa súa Medalla de Ouro. “É o agasallo máis importante que recibín como alcalde, máis a maior distinción do Concello de Oroso en toda a súa historia, polo que estamos moi agradecidos a toda a poboación de Góis”, asegurou Manuel Mirás.
Lurdes Oliveira tomou a palabra para amosar “a máxima consideración, persoal e institucional, de Góis por Oroso” e fixo fincapé en que a colaboración entre as dúas localidades irmáns ten que trasladarse a novos ámbitos, como o deporte ou a economía. Oliveira felicitou ao Concello de Oroso, e en especial ao seu alcalde, por organizar GóisOrosoArte “cun elevado sentido de compromiso co pobo de Oroso e coa cultura, desde a perspectiva dunha política responsable que quere o mellor para o seu Concello”.
Coa entrega da Medalla de Ouro de Góis, a máxima distinción da entidade local portuguesa, Oliveira salientou que “queremos recoñecer o prestixio de Oroso” e darlle aínda máis forza ao vínculo entre os dous municipios. “Estamos no Ano Europeo do Entendemento e nós somos un bo exemplo de entendemento”, sintetizou a presidenta da Cámara Municipal de Góis.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura de Oroso, Luis Rey Villaverde, aprezou que a cultura é sinal de riqueza social, de paz, de progreso e de felicidade para a veciñanza. Fixo ver que a arte axuda a construír relacións sociais e apostou por que os artistas sigan poñendo o seu talento, intelixencia e creatividade ao servizo da sociedade. Rey Villaverde considera que en GóisOrosoArte “levamos feito moito traballo xuntos, e queda aínda máis por facer”. “Se somos quen de imaxinalo, poderemos levalo a cabo”, dixo.
Obsequios a artistas das edicións precedentes
Durante o acto, amenizado coa música de Faíscas da Pontraga, recibiron cadanseu obsequio conmemorativo os artistas que participaron en todos estes anos en GóisOrosoArte, como mostra de gratitude polo seu traballo.
En concreto, recolléronse os obsequios de Ángeles López Fraga, Blanca Arocas, Carmela Taboada, Carmen Sevillano, Carmen Torres, Celia Santos, Constantino Cuesta, Esther Molinero, Estrela Rúa, Fran Lareo, Francisco Maceira, Guadalupe García, Hortensia Ramos, Isabel Andrés, Jesús Pereira, Lucía Dubra, Luis Maceira, Esther Piñán, María José Fiaño, María José Freire, Marina Cocós, Mari Carmen Calviño, Nolo Suárez, Ofelia de Bartolomé, Pepa Mariño, Sara Garrote e Vanessa Beis.
Tamén se lle entregou unha mención especial a Lurdes Oliveira, polo impulso decidido que lle deu ao irmandamento entre Oroso e Góis. O alcalde, Manuel Mirás, expresou que é un recoñecemento “por colaborar co Concello e por todo o empeño e traballo que fai para que o irmandamento sexa cada vez máis fructífero”.
A mostra
Na edición de 2016 de GóisOrosoArte exporanse pezas de pintura e escultura de 57 artistas dos dous países: 32 de persoas de España e 25 de creadores e creadoras de Portugal. A mostra poderase visitar libremente no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, en Sigüeiro, ata o sábado 1 de outubro.