subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O grupo Mamá Cabra ofrecerá un concerto dirixido a un público infantil mañá venres no exterior da piscina municipal de Sigüeiro.


 

O grupo Mamá Cabra ofrecerá este venres 1 de setembro, ás 19:30 horas, un concerto dentro da Semana Cultural 2017 do Concello de Oroso. Unha actuación dirixida a todos os nenos e nenas e que terá lugar no exterior da piscina municipal de Sigüeiro, onde os pequenos poderán cantar, bailar, saltar e desfrutar coas composicións deste grupo de música infantil que leva máis de 15 anos ofrecendo espectáculos pensados para os máis pequenos da casa. A participación é totalmente libre e de balde. No improbable caso de choiva, a actuación trasladaríase ao centro cultural de Sigüeiro.

Por outra banda, O Concello de Oroso e a compañía TrasPediante acordaron xa unha data para a celebración do espectáculo “Up2down”, cancelado este mércores por mor da choiva. A nova cita será o sábado 2 de setembro, ás 19:30 horas, no exterior da piscina municipal de Sigüeiro. “Up2Down” é un espectáculo de danza-circo contemporáneo no que o humor e a danza interactúan cunha disciplina circense nova en Galicia: o funambulismo. As bailarinas Marta Alonso e Paula Quintas interpretan a dous personaxes definidos polo seu estatus antagónico: o alto e o baixo; a funambulista etérea e ideal fronte á paiasa terreal e mundana... que guiarán aos pequenos nunha viaxe emocional ata acadar un punto de encontro: o equilibrio.