subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Entroido 2019 en Oroso


 

O Concello de Oroso vén de convocar os seus tres tradicionais concursos neste tempo de Entroido: Concurso de Disfraces, Concurso de Receitas “En galego sabe mellor” e Concurso de Máscaras. Nos tres casos as inscricións poderán formalizarse no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 903.

O prazo de entrega das máscaras rematará o 26 de febreiro, mentres que o das receitas de Entroido finalizará o 27 de febreiro. No caso do Concurso de Disfraces as inscricións están abertas ata o 28 de febreiro.

O Concurso de Disfraces de Entroido terá lugar o sábado 2 de marzo e o Concello de Oroso repartirá un total de 3.170 euros en premios. Para poder participar é obrigatorio tomar parte no desfile de Entroido, que sairá ás 17:30 horas do polideportivo municipal e percorrerá as rúas de Sigüeiro.

Unha vez rematado o desfile, o polideportivo acollerá o concurso de disfraces. Como en anos anteriores, o Concello de Oroso establece dúas categorías: infantil (ata 16 anos) e adultos (máis de 16 anos), con tres modalidades: individual, grupo (de 2 a 5 compoñentes) e comparsa, nas que se designarán un gañador e un finalista.

Deste xeito, na categoría adultos, as comparsas (mínimo 6 compoñentes) optarán a dous premios de 500 e 300 euros. Os grupos repartiranse dous premios de 350 e 220 euros; mentres que na modalidade individual competirán por dous premios de 250 e 180 euros. Na categoría infantil, os premios para as comparsas serán de 350 e 200 euros; os grupos competirán por 220 e 150 euros; mentres que os individuais optarán a 180 e 120 euros. Así mesmo, haberá un premio especial de 150 euros para a mellor comparsa do concello de Oroso.