subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso organiza unha recepción cos Reis Magos o 5 de xaneiro para que todos os nenos e nenas poidan saudalos


orosoO Concello de Oroso xa ten lista a xornada do 5 de xaneiro para que os nenos e nenas poidan ver aos Reis Magos. Este ano organizou unha recepción no pavillón municipal, repectando todos os protocolos e recomendacións sanitarias.

En concreto, as súas maxestades de Oriente recibirán durante a xornada do 5 de xaneiro a todos os nenos e nenas de Oroso que desexen pasar a saudalos, acompañados dunha ou dúas persoas como máximo.

O acceso ao pavillón estará regulado en todo momento, polo que non é preciso inscrición previa. Unha vez no interior haberá un tempo para saudar dende a distancia ao Rei Mago elixido e facer unha fotografía para inmortalizar o momento, así como recibir un pequeno agasallo da súa maxestade.

O horario da recepción real será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas no pavillón de deportes Juanito Amigo de Sigüeiro.

“Vivimos un Nadal diferente, pero temos claro que non podemos perder a maxia para os nenos e nenas; pola situación epidemiolóxica non debemos celebrar a cabalgata, pero os Reis Magos estarán en Oroso como cada ano para facer felices aos máis pequenos”, afirma Vanesa Boo, concelleira de Cultura.