subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural acolle unha exposición de mapas escolares


orosoO centro cultural Fernando de Casas e Novoa do Concello de Oroso acolle ata finais de abril unha colección de mapas escolares datados entre 1961 e 1974. Organizada polo Concello de Oroso coa colaboración da Asociación Cultural ‘Obradoiro da História’, a mostra ‘Imaxinar o mundo: mapas da escola vella’ consta de mapas, algún deles dunha antigüidade próxima aos sesenta anos, que no seu momento formaban parte do material clásico nas escolas da época para estudar a Xeografía Física e Política.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, a concelleira de Cultura, Vanesa Boo, e o coordinador da exposición, Manuel Pazos, visitaron hoxe a exposición, con moi bos exemplos do patrimonio histórico educativo que é a cartografía escolar que utilizaban os profesores nos anos sesenta e setenta do século pasado, cando non existían as tecnoloxías que xurdiron ao longo dos anos.

“Na exposición apreciamos o legado cartográfico das escolas vellas, moitas delas unitarias do rural; a través dos mapas políticos e físicos, os profesores tentaban transportarnos a outros espazos, a outros países, a outros mundos, a outras culturas… polo que tanto o profesorado como o alumnado realizaban un exercicio de imaxinación para entender o grande e variado que é o noso planeta”, asegura Manuel Pazos.

O alcalde, Manuel Mirás, lembrou “o que significaban estes mapas para os que estudamos naquelas escolas, cunha poderosa estética visual e moitas cores nunha época no que todo era en blanco e negro”.

“A mostra pode visitarse cumprindo os protocolos Covid-19 e haberá visitas dos centros educativos nas próximas semanas”, engadiu Vanesa Boo, concelleira de Cultura.