subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso celebra este mes de agosto a súa tradicional Semana Cultural 2021, con actividades para todas as idades dirixidas a un público familiar


orosoO Concello de Oroso organiza este verán de novo a Semana Cultural 2021, con actos para todas as idades desde o 24 de agosto ao 3 de setembro.

O programa inclúe a tradicional excursión ao aquapark de Cerceda (día 24) e o prazo de inscrición comeza mañá, 11 de agosto, no centro cultural. Os participantes deberán ter como mínimo 8 anos.

O día seguinte, 25 de agosto, Novo Circo Suma levará o seu espectáculo ‘Ikigai’ á carpa da Alameda de Góis, dando paso a unha semana de actuacións musicais, maxia, circo e teatro.

A única cita só para nenos e nenas maiores de sete anos e público adulto será o 1 de setembro, coa obra de teatro ‘Habeas Corpus’, de Malasombra Producións.

“Unha cita xa consolidada coa cultura durante o mes de agosto en Oroso, con moita programación para toda a familia; cremos que a Semana Cultural será de novo un éxito pola calidade dos espectáculos que veremos”, asegura Vanesa Boo, concelleira de Cultura, que garante “todos os protocolos de seguridade e saúde derivados do coronavirus”.

Pola súa parte, o alcalde de Oroso, Luis Rey, considera unha moi boa nova “o poder recuperar parte da normalidade, cunha aposta pola cultura segura para un público familiar”.