subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso xa ten listo o seu programa do Entroido 2022 con actividades para todas as idades e o tradicional Desfile de Comparsas e Disfraces


orosoO Concello de Oroso xa ten preparada a súa programación do Entroido 2022, con numerosas actividades para todas as idades e o prato forte do tradicional concurso de disfraces, tras o parón do ano pasado obrigado pola pandemia.

O sábado 26 de febreiro pola tarde, as comparsas participantes farán un percorrido polas rúas de Sigüeiro. O concello repartirá máis de 3.000 euros en premios para as mellores comparsas e disfraces en categoría Adultos e Infantil.

Á marxe desta actividade, Oroso celebrará un concurso de máscaras e dous obradoiros, un de máscaras venecianas e outro de elaboración de filloas e rosquiñas de Entroido.

A concelleira de Cultura, Vanesa Boo, destaca “a variedade de actividades para que todos os veciños e veciñas poidan participar nelas, respectando sempre os protocolos sanitarios vixentes”.

A programación do Entroido inclúe tamén unhas xornadas resposteiras para nenos e o luns 28 de febreiro chegará a quenda da festa de disfraces, nesta ocasión con aforo limitado.

“Ao igual que pasou no Nadal, preparamos unha programación que nos permite recuperar a normalidade sen esquecer por suposto que aínda estamos nunha pandemia; estou convencido de que os veciños e veciñas actuarán de novo con responsabilidade e será un éxito”, engade o alcalde, Luis Rey Villaverde.

Todos os interesados en inscribirse ou obter máis información sobre cada unha das actividades organizadas polo Concello de Oroso e os requisitos para participar, poden facelo no centro cultural, no teléfono 981 690903 e tamén a través desta mesma páxina web.