subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Dezasete locais participarán durante as dúas próximas fins de semana na quinta edición do Concurso de Tapas de Oroso.


A mellor tapa será elixida por votación popular en degustacións gratuítas que terán lugar os días 5, 6, 12 e 13 de abril.

orosoO Concello de Oroso convoca a quinta edición do Concurso de Tapas, que contará este ano coa participación de dezasete establecementos (un máis que o ano pasado) e que se celebrará en Oroso nas dúas próximas fins de semana (5, 6, 12 e 13 de abril). O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Xaime Carneiro, explica que “agardamos poder repetir ou mesmo superar o éxito da anterior edición, no que se degustaron máis de 3.000 tapas cando a media dos tres anos anteriores era de 2.000 consumicións de acordo cos datos dos participantes no concurso, pois sabemos que son moitos máis os que disfrutan destas tapas pero non enchen o boletín para o sorteo”.

Durante eses catro días, centos de persoas se achegarán ata Oroso para degustar totalmente de balde coas súas consumicións unha tapa, tradicional ou creativa. As degustacións terán lugar en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. O bo tempo rexistrado durante o ano pasado fixo que se marcase un récord de participación: 350 votos, o que significa que se consumiron un mínimo de 3.150 tapas.

Durante estes días, os clientes recibirán nos establecementos hostaleiros participantes un boletín de votación, que inclúe unha relación das distintas tapas que presentarán a concurso en cada un dos locais e que deberá encher coas súas tapas favoritas. Para que o seu voto sexa válido e poda participar no sorteo, deberá contar con 7 selos que demostren que probou as tapas de, cando menos, 7 establecementos distintos (dos cales, cando menos 2 deberán ser de locais non emprazados en Sigüeiro). “Deste xeito animamos tamén a que a xente se desprace ás parroquias e non quede só na capital municipal”, explica Xaime Carneiro.

Premios para os clientes

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar os seus votos. Os premios aos que optarán os clientes serán: dúas ceas para dúas persoas, un bono de beleza dobre en Sanmar Estilismo (Sigüeiro), un circuíto termal no Hotel Balneario Compostela, dúas entradas dobres para Termaria-Casa da Auga na Coruña e 6 botellas de viño de Adegas LAN.

Os 17 establecementos participantes son: Restaurante Mirás, Restaurante Cortés, Café-bar Xardín, Mesón Tambre, Mesón pulpería As Rías, Bar Tapas, O Café de Manuela, Cafetería Cervexería O Xesto, Tapería O´Martán, Nova Xeira, Mesón A Trabe, Bodegón Cebrás, xq no?, Restaurante Liñares, Bar Stop, Bar O Zapateiro e Bar Viuda de Blanco.