subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

As tostas, o polbo, as empanadillas, as fabas e os ovos protagonizan a primeira fin de semana do V Concurso de Tapas de Oroso.


O horario para degustar de balde as tapas coa consumición é de 12:00 a 15:00 e de 19:00 a 22:00 horas.

As tostas, o polbo, as empanadillas, as fabas e os ovos serán os protagonistas da primeira fin de semana da quinta edición do Concurso de Tapas do Concello de Oroso, que conta este ano cun récord de participación: 17 establecementos. De 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, os establecementos participantes ofrecerán totalmente de balde aos seus clientes unha tapa, tradicional ou creativa, con cada consumición.

Os seguidores do cefalópodo, aínda que non poderán atopalo á feira, terán ocasión de degustalo con gambas, espetado con piña e gambas ou con fabas e ameixas. Cos ovos, a maioría decántase por facelos recheos ou rotos con zorza; mentres que as fabas presentaranse con codornices, con ameixas ou mariñeiras. Porén, a opción máis escollida para esta primeira fin de semana son as tostas, ata seis modalidades: de xamón, de chacina, de queixo e pementos, de chourizo, de polbo e de Brandada.

Premios para os clientes

Unha vez degustada a tapa, os clientes recibirán un boletín de votación que deberá encher coa súa tapa favorita e selar no propio local. Para que o seu voto sexa válido e participar no sorteo, deberá contar con 7 selos diferentes, que demostren que probou as tapas de, cando menos, 7 establecementos distintos. E cando menos 2 deses selos deberán ser de locais non emprazados en Sigüeiro.

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar o voto. Os premios aos que optarán os clientes serán: dúas ceas para dúas persoas, un bono de beleza dobre en Sanmar Estilismo (Sigüeiro), un circuíto termal no Hotel Balneario Compostela, dúas entradas dobres para Termaria-Casa da Auga na Coruña e 6 botellas de viño de Adegas LAN.

Os establecementos participantes en Sigüeiro son: Restaurante Mirás, Restaurante Cortés, Café-bar Xardín, Mesón Tambre, Mesón pulpería As Rías, Bar Tapas, O Café de Manuela, Cafetería Cervexería O Xesto, Tapería O´Martán, Nova Xeira, Mesón A Trabe, Bodegón Cebrás e xq no?. E nas parroquias: Restaurante Liñares, Bar Stop, Bar O Zapateiro e Bar Viuda de Blanco.