Dezaseis locais participarán durante as dúas próximas fins de semana na sexta edición do Concurso de Tapas de Oroso.
A novidade deste ano será o primeiro Concurso Infantil de Tapas Frías, dirixido a nenos/as de 5 a 12 anos, de balde e para o que é preciso anotarse antes do 14 de abril.
O Concello de Oroso convoca a sexta edición do Concurso de Tapas, que contará este ano coa participación de dezaseis establecementos e que se celebrará en Oroso nas dúas próximas fins de semana (11, 12, 18 e 19 de abril). Se o tempo acompaña, o Concello de Oroso agarda repetir ou superar o éxito acadado na edición anterior, durante a que se degustaron máis de 2.300 tapas.
A gran novidade deste ano será a incorporación dos máis novos ao tapeo. O Concello de Oroso organiza a primeira edición do Concurso Infantil de Tapas Frías, dirixido a nenos e nenas entre os 5 e os 12 anos. Trátase dun concurso de participación totalmente de balde e que terá lugar o próximo sábado 18 de abril, coincidindo coa segunda sesión do Concurso de Tapas.
Os participantes reuniranse ás 10:30 horas dese sábado no centro cultural de Sigüeiro para elaborar as súas creacións. Disporán dun tempo de 1 hora e 40 minutos para presentar tres unidades dunha mesma tapa para a que poderán empregar froitas (amorodos, plátanos, laranxas, mazás, limón), doces (chocolate, nata, marmelo), verduras (leituga, cogombro, cebola), salsas (maionesa, mostaza, mel, salsa de tomate, iogur natural), friames (queixos, chourizo, xamón York, salchichón), pan, tostas e outros (atún, olivas, ovos cocidos, surimi, azucre, sal, aliño...).
O xurado valorará non só o sabor das tapas, senón tamén a súa presentación e orixinalidade. Os participantes optarán a tres premios consistentes en diploma, trofeo conmemorativo e un vale de 70 euros na tenda de deportes Equip@t Sigüeiro, vale por 40 euros no mesmo centro e un libro de receitas de cociña MasterChef Júnior. Os interesados en participar deberán anotarse no centro cultural de Sigüeiro antes do 14 de abril.
Concurso de tapas
No que atinxe ao VI Concurso de Tapas de Oroso, durante as próximas dúas fins de semana todos cantos se acheguen a un destes dezaseis locais participantes poderán degustar totalmente de balde coas súas consumicións unha tapa, tradicional ou creativa. As degustacións terán lugar en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.
Durante estes días, os clientes recibirán nos establecementos hostaleiros participantes un boletín de votación, que inclúe unha relación das distintas tapas que presentarán a concurso en cada un dos locais e que deberá encher coas súas tapas favoritas. Para que o seu voto sexa válido e poda participar no sorteo, deberá contar con 6 selos que demostren que probou as tapas de, cando menos, seis establecementos distintos (dos cales, cando menos 1 deberá ser de locais non emprazados en Sigüeiro).
Premios para os clientes
Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar os seus votos. Os premios aos que optarán os clientes serán: unha tableta, un xamón e dúas entradas para Termaria Casa da Auga (A Coruña). Os establecementos competirán por un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.
Os 16 establecementos participantes son: Mesón Tambre, Nova Xeira, Bar Tapas, O café de Manuela, Tapería O'Martán, Adega o Ribeiro, Bodegón Cebrás, Mesón A Trabe, Sigü Café, Café bar Xardín, Bar Sigüeiro, De María e Café bar Restaurante Mirás (todos eles en Sigüeiro) e Bar Stop (Oroso), Restaurante Liñares (Estación Oroso) e O Noso Mesón (Deixebre).