subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Sigüeiro acolle o VIII Concurso de Tapa en Tapa, que terá lugar durante seis días e que por primeira vez incluirá música en vivo.


Os grupos Fanfarria Taquikardia, Néboas no Cumio, Lembranzas do Tambre, Faíscas da Pontraga, Amigos do Acordeón Sigüeiro-Oroso e Buxos Verdes realizarán pasacalles nas dúas próximas fins de semana.
A asociación de comerciantes “Sigüeiro vende” ofrecerá vales desconto con cada consumición que se realice o 2, 3, 4, 9, 10 e 11 de xuño.

A oitava edición do concurso “De Tapa en Tapa” do Concello de Oroso chega cheo de novidades: incrementa en dous días a duración das degustacións, que por primeira vez se concentrará en locais de Sigüeiro, incluirá pasacalles coa participación de grupos folclóricos e repartirá vales desconto nas tendas de “Sigüeiro Vende” con cada consumición nos trece locais participantes. Un certame que terá lugar en dúas quendas: venres 2, sábado 3 e domingo 4 de xuño; e venres 9, sábado 10 e domingo 11 de xuño.

A concelleira de Comercio, Vanesa Boo, explica que “o obxectivo do concurso é dinamizar a nosa hostalería entre a nosa veciñanza e atraer tamén a numerosos visitantes a Sigüeiro, promovendo a nosa gastronomía local”. Vanesa Boo agarda repetir o éxito acadado na edición, na que se acadou un récord con case 4.500 tapas degustadas. “Sabemos que é difícil repetir o éxito do ano pasado, no que tivemos un récord de locais participantes, pero pensamos que podemos compensalo coa ampliación das xornadas á tarde-noite dos venres, cos pasacalles con grupos folclóricos e coa colaboración da asociación Sigüeiro Vende, que repartirá vales desconto nas súas tendas con cada consumición nun dos 13 locais participantes no concurso”, apunta a concelleira de Comercio.

Novo horario

O VIII Concurso de Tapa en Tapa contará este ano coa participación de 13 locais, todos eles emprazados en Sigüeiro, “o que tamén facilitará a participación de máis persoas no concurso pois xa non haberá que coller o coche para selar o boletín e participar no sorteo de agasallos”. Os horarios da degustación cambiará. Ademais de incluír por primeira vez as tardes dos venres, de 20:00 a 23:30 horas; o horario do sábado será de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:30 horas; mentres que o domingo será só de mañá, de 12:00 a 15:00 horas. Un horario que poderá ser aumentado polos locais participantes se así o desexan, pero que en ningún caso poderá verse reducido.

Durante ese tempo, os clientes recibirán nos locais participantes un boletín de votación, que inclúe unha relación coas tapas presentadas a concurso (que tamén se pode consultar na web municipal: www.concelloooroso.com). Para que o seu voto sexa válido deberá contar con 5 selos doutros tantos establecementos. Cada local disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar os seus votos. As tapas gañadoras serán elixidas por votación popular dos clientes, que decidirán os tres premios para os bares participantes: 300, 200 e 100 euros, máis diploma acreditativo.

Os premios aos que optarán os clientes, e que se decidirán por sorteo, serán: unha tablet, unha estancia nun balneario, 4 vales de compra en supermercados do concello (dous de 100 € e outros dous de 50 €), tres botellas magnum de Terras do Cigarrón e un agasallo de Vermú Petroni. Por segundo ano consecutivo, o sector comercial de Sigüeiro sumarase a esta iniciativa. “Se o ano pasado ofreceron descontos aos seus clientes durante os días do concurso, nesta ocasión cada persoa que faga unha consumición nos bares participantes recibirá vales desconto nas tendas asociadas a Sigüeiro Vende”, salienta Vanesa Boo.

Outra das novidades serán os pasacalles a cargo dos grupos Fanfarria Taquikardia (sábado 3 de xuño), Néboas no Cumio e Lembranzas do Tambre (domingo 4 de xuño), Faíscas da Pontraga (sábado 10 de xuño) e Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso e asociación cultural Buxos Verdes (domingo 11 de xuño).

Os locais participantes nesta edición son: Bar Tapas, Café Bar Xardín, Bar Sigüeiro, Restaurante Mirás, Cervecería Folk, Bar Sigüeiro, Cafetería Ché, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, Cafetería 6 Ríos, Anbore Coffe Bar, Bar X que no?, Mesón Tambre e Sigü Café.