subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso retoma e amplía os Bailes para Maiores, que pasarán a celebrarse todos os sábados no centro cultural de Sigüeiro.


 

Unha vez pasado o tempo de verán, o Concello de Oroso retoma os Bailes para Maiores, unha iniciativa posta en marcha en 2008 en colaboración coa Asociación da Terceira Idade de Oroso. “A novidade é que, visto o éxito que ten esta iniciativa entre os nosos maiores, dende o Concello de Oroso imos ampliala a todos os sábados do mes e non só o último sábado de cada mes como viña sendo habitual”, explica Vanesa Boo, concelleira de Atención aos Maiores.

Deste xeito, o salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá Bailes para Maiores todos os sábados do mes, en horario de 19:30 a 22:00 horas. A entrada seguirá sendo totalmente libre e de balde. A iniciativa dos Bailes para Maiores naceu a raíz da gran participación acadada no baile especial de Entroido de 2008. Dende entón, celebrábanse mensualmente cunha participación de medio cento de maiores por baile.

A concelleira de Atención aos Maiores sinala que esta iniciativa forma parte dunha serie de melloras nas iniciativas dirixidas á terceira idade do municipio. “Comezamos organizando as primeiras excursións para maiores e continuamos aumentando as actividades gratuítas para a terceira idade, que pasan de 45 minutos a 1 hora”, apunta Vanesa Boo.