subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Nova senda para Oroso


orosoO Concello de Oroso contará cunha nova senda peonil que conectará o núcleo rural de Oroso Pequeno coa entrada de Sigüeiro, polo parque fluvial do río Carboeiro. O proxecto aprobouse nun pleno da Deputación da Coruña.

Trátase dun tramo utilizado frecuentemente polos numerosos peregrinos que percorren o Camiño Inglés, e que actualmente carecen dun paso seguro polo que deben camiñar polo borde da calzada, cos conseguintes problemas de seguridade.

As obras suporán un investimento de 204.501 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración. “Despois de dous anos de xestións, conseguimos esta nova infraestrutura para gañar en seguridade viaria e humanizar a zona”, asegura o alcalde de Oroso, Manolo Mirás Franqueira.

O deputado provincial Antonio Leira explica que ”a actuación consistirá en acondicionar unha senda uniforme que se dividirá en dous tramos: o primeiro empeza no núcleo de Oroso Pequeno até a avenida Alvaro Cunqueiro, e o segundo tramo discorre pola avenida Álvaro Cunqueiro, paralelo ao polígono industrial, ata o punto de cruce coa área recreativa do Carboeiro”.

Esta actuación dará servizo aos veciños de Oroso e, por outra parte, enmárcase nas accións da Deputación para a promoción do Camiño Inglés e para a mellora da experiencia dos peregrinos, con intervencións que ademais de mellorar a seguridade, execútanse de forma respectuosa co medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio.