subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Oroso Abanca feminino de Tenis de Mesa ascende á división de honra


orosoUnha vez que o pasado mes de abril a Real Federación Española de Tenis de Mesa anunciase a suspensión de todas as ligas nacionais e establecese os equipos que ascenderían ou descenderían para a próxima tempada en función da clasificación ata o momento da suspensión e dos coeficientes de partidos gañados e perdidos, ao club de Oroso chegoulle a excelente noticia de que o seu primeiro equipo feminino consegue o ascenso a División de Honra Nacional categoría semiprofesional e de gran esixencia.

Tras pasar toda a tempada no primeiro posto da clasificación do seu grupo de 1ª Nacional Feminina, o Oroso ABANCA era un dos favoritos ao ascenso, pero o quedar líderes do seu grupo non sería suficiente se a tempada transcorrese con normalidade. O equipo debería acudir a finais de Abril á fase de ascenso, onde se enfrontaría aos primeiros clasificados do resto de grupos do territorio nacional co obxectivo de conseguir unha praza que lle outorgase o ascenso.

A suspensión da competición por motivo do coronavirus provocou que a RFETM tomase medidas extraordinarias e concedese o ascenso directo aos primeiros clasificados de cada grupo.

Desta forma, o Oroso ABANCA ten agora por diante un duro camiño, que será o de conseguir os fondos necesarios para poder disputar tan esixente categoría. Empresa que non será fácil tendo en conta a crise na que estes días vivimos, e que provocou o drástico descenso dos ingresos por patrocinadores privados así como das axudas das administracións públicas.

NORABOA! GRAZAS POLO VOSO ESFORZO!