subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

As obras da nova cuberta da piscina municipal do Concello de Oroso estarán rematadas no mes de xuño


orosoAs obras de construción da cuberta da piscina municipal do Concello de Oroso estarán rematadas nas próximas datas, coincidindo coa tempada de verán.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, xunto aos concelleiros de Obras, Luis Rey, e Deportes, Antonio Leira, visitaron hoxe os traballos cun representante da empresa encargada dos mesmos.

A infraestrutura estará lista en 15 días e arredor do 20 de xuño o concello quere reabrir a piscina, aínda que será con cita previa e dando prioridade ás persoas empadroadas en Oroso, cumprindo desta forma coas indicacións sanitarias da actual pandemia.

Ademais, este ano, como medida de axuda ás familias, a entrada será gratuíta para os empadroados en Oroso.

A nova cuberta, cun investimento de 210.475 euros, permitirá “desestacionalizar o uso da piscina, que esté máis meses ao ano a disposición dos orosáns”, afirmou Manuel Mirás.

Esta instalación únese a outras melloras recentes no complexo da piscina, como a pérgola, a zona de descanso para os usuarios e as usuarias, ou as reformas realizadas nos vestiarios.

“Cada ano aumentan as persoas que utilizan a piscina municipal e fan os cursos de natación, polo que queríamos mellorar os servizos do complexo”, engade o alcalde.