subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O embaixador de Suíza en España participa no Concello de Oroso nunha homenaxe ao cabaleiro suízo Heinrich Von Xug, peregrino ilustre do Camiño Inglés no S. XVI


orosoO Concello de Oroso foi hoxe escenario dunha emotiva xornada coa visita oficial do embaixador de Suíza en España e Andorra, Hanspeter Mock, para conmemorar o paso por Sigüeiro no ano 1531 do cabaleiro suízo Heinrich Schömbrunner von Zug, peregrino ilustre do Camiño Inglés.

Hanspeter Mock, en compañía de Alberto Giovanetti, agregado Cultural e Científico da Embaixada, estiveron primeiro no Concello de Oroso, onde foron recibidos polo alcalde, Manuel Mirás Franqueira, polos concelleiros e concelleiras, e por outros representantes dos concellos polo que pasa o Camiño.

Posteriormente, na entrada ao Camiño Inglés polo Carboeiro, inaugurouse un memorial na memoria de Heinrich von Zug, antes de facer un percorrido pola ruta ata o Paseo dos Peregrinos Ilustres, onde se descubriu unha placa conmemorativa e entregaronse os galardóns do concurso escolar ‘Escríbelle unha carta a Heinrich Schömbrunner von Zug’.

“É realmente especial lembrar hoxe esta viaxe na súa presenza, embaixador, e é emocionante ver como os peregrinos da época xa falaban do Camiño Inglés facendo referencia a valores como a solidariedade, a amizade, a espiritualidade e a paz”, explicou Manuel Mirás.

“Hai xa moitos anos que en Oroso comprendimos a importancia de revitalizar o Camiño Inglés, unha ruta que une Europa, os pobos deste continente coñecémonos e entendémonos grazas o Camiño”, afirmou o alcalde.

En palabras de Mirás, “coa nosa aposta polo Camiño Inglés puxemos Oroso no mapa; aínda queda moito por facer, pero con moito traballo fomos capaces de converter Oroso nun concello con identidade propia cun recoñecemento que traspasa fronteiras, e por iso o de hoxe é un día tan especial, Embaixador Hanspeter Mock: é unha verdadeira honra para o pobo de Oroso que viñese a estar connosco e inaugurar este memorial”

Pola súa parte, Hanspeter Mock agradeceu “este acto tan emotivo nun lugar como Oroso, cunha paisaxe similar ao de Suiza”, ao tempo que lembrou “aos milleiros de galegos que fixeron o Camiño ao revés, desde Galicia a Suíza para traballar ali”.

“Dos 85.000 estranxeiros que viven oficialmente en Suiza, preto de 60.000 son galegos e galegas, persoas moi apreciadas alí polo seu carácter, o seu traballo e a súa seriedade”, engadiu.

Na entrega dos premios aos alumnos e alumnas, o concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira, destacou “a importancia de que o legado do Camiño pase ás novas xeracións, e aí temos que agracecer o traballo que se fai na comunidade eduativa de Oroso”.

Por último, o vicepresidente da Deputación da Coruña, José Regueira, falou “do gran traballo realizado por Oroso e o seu alcalde, Manuel Mirás, na revitalizacion do Camiño Inglés desde hai moitos anos”.