subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso mantén o seu compromiso co deporte local coa entrega das bolsas de axuda aos deportistas individuais


orosoO Concello de Oroso mantén a súa aposta polo deporte local e comezou o ano co acto de entrega das bolsas de axuda a deportistas individuais.

Os deportistas que recibiron a bolsa foron Valeria Guridi (atletismo); Martín Fernández (tenis de mesa); Pablo Figueira, Sara Soneira, Sara Gacio e Sara Juncal (taekwondo); Uxío Pampín e Esteban Rodríguez (tenís de mesa), e Sara Domínguez (patinaxe).

“Queremos recoñecer a dedicación e o traballo destes deportistas, agradecendo tamén o gran esforzo que as súas familias fan a diario; trátase de bolsas para fomentar a práctica deportiva e a súa participación nas competicións oficiais”, explica Antonio Leira, concelleiro de Deportes.

Estas bolsas únense á renovación, o pasado mes de novembro, dos convenios de colaboración que o concello mantén cos diferentes clubs deportivos do municipio para impulsar as súas actividades.

Coa renovación dos convenios, o concello dalle un marco formal ao uso e cesión das instalacións municipais, así como á colaboración entre concello e entidades deportivas á hora de organizar actividades e compartir recursos.

“Teño que agradecer a colaboración constante dos clubs, cos que mantemos un contacto permanente xa que nos une un obxectivo común: que cada vez sexan máis os veciños e veciñas que practican deporte en Oroso”, engade Leira.

“Estamos moi comprometidos desde hai anos, 1.500 persoas practican deporte a diario en Oroso de forma federada e outras moitas persoas pola súa conta, somos referente neste tema e queremos seguir por este camiño”, asegura pola sua parte o alcalde, Luis Rey Villaverde

O concello colabora noutros ámbitos, como as axudas que concede cada ano para os desprazamentos en autobús das escolas deportivas locais cando participan nalgunha competición fóra de Oroso.