subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural de Oroso acolle durante a vindeira semana a exposición ‘Galicia, conservando a natureza’.


A mostra poderá verse entre as 9 e as 14 horas.
Conta coa colaboración da Xunta e de Obra Social ‘la Caixa’.

O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá durante a vindeira semana, entre o 13 e o 17 de agosto, a exposición ‘Galicia, conservando a natureza’. A exhibición desta mostra está organizada polo Concello de Oroso e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Obra Social ‘la Caixa’. Quen desexe acudir a vela poderá facelo entre as nove da mañá e as dúas da tarde.

Esta exposición didáctica itinerante está dirixida a todo tipo de público e está composta por vinte e dous paneis individuais e unha proxección de audiovisuais. Neles, os e as visitantes terán ocasión de coñecer os principais valores ambientais e patrimoniais de espazos naturais galegos que mereceron algún tipo de protección especial. Á vez, un dos grandes obxectivos da mostra é sensibilizar sobre a importancia dos espazos naturais protexidos para a conservación da biodiversidade en Galicia.

O contido dos distintos paneis da mostra permite achegarse á riqueza paisaxística de Galicia, observando elementos dos espazos naturais que integran a Rede Natura 2000, outros dos Parques Naturais de Galicia, diversas paraxes que albergan elementos catalogados como monumentos naturais, ecosistemas fluviais, espazos húmidos e aspectos sobre o vínculo entre a orografía e a natureza.

‘Galicia, conservando a natureza’ ofrece así mesmo a posibilidade de participar en xogos didácticos sobre o seu contido e obradoiros sobre a natureza e ver varias creacións audiovisuais que inciden, cun ton educativo, na necesidade de preservar a riqueza ecolóxica de Galicia para as vindeiras xeracións.