subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O programa “Días Verdes” permite a retirada de case 4 toneladas de lixo do Camiño Inglés e de distintos puntos do municipio de Oroso.


O programa levouse a cabo entre o 17 e 19 de abril grazas á colaboración de 150 rapaces e rapazas do IES de Oroso e voluntarios.

orosoAs tres xornadas do programa “Días Verdes” de Oroso resultaron todo un éxito, tanto pola participación dos cativos do municipio como pola gran cantidade de refugallos recollida: case catro toneladas de lixo, que foron depositadas no minipunto limpo do Concello de Oroso para a súa clasificación e posterior reciclaxe. O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Castro, agradeceu a colaboración da dirección do IES, dos seus profesores e, sobre todo, dos 150 alumnos e alumnas que participaron pois “a través deles queremos sensibilizar a todas as familias de Oroso da importancia de coidar o noso medio natural”.

Xosé Castro explica que “durante estes tres días recollemos de todo, pero sobre todo envases lixeiros: latas, botellíns, etc Aínda que tamén atopamos moita chatarra e cousas curiosas como moitas botellas cheas de area ou mesmo carretillas”. Un material que foi recollido polos rapaces e rapazas do IES de Oroso coa axuda dos seus profesores e voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Oroso que, ademais de recoller os obxectos máis pesados, encargáronse en todo momento da seguridade dos pequenos.

Camiño Inglés

As áreas de actuación foron escollidas polo Concello de Oroso, tendo como foco principal o Camiño Inglés ao seu paso polo municipio. Así mesmo, os pequenos actuaron tamén en áreas recreativas como Penateixa, Vilarromariz ou O Refuxio; así como en localidades como Sigüeiro, Deixebre, Trasmonte, Senra, Gándara, Porto Avieira, avenida da Grabanxa e contorna da N-550. Ademais dos verquidos grandes, os rapaces puideron comprobar como gran parte dos refugallos que recolleron eran lanzados polos condutores sen ningún tipo de coidado ou respecto polo medio ambiente.

O concelleiro de Medio Ambiente explica “o que buscamos con estas xornadas é concienciar e sensibilizar aos veciños e veciñas da necesidade de preservar a nosa natureza e de adoptar actitudes que propicien un maior respecto ao medio ambiente. Se todos poñemos da nosa parte, viviremos nunha contorna máis limpa”. Por iso, ademais da experiencia da recollida do lixo en si mesma, os rapaces tamén asistiron á proxección de dous vídeos educativos, de Sogama e de Ecoembes, que incidiron na importancia de separar en orixe os refugallos.