O Concello de Oroso organiza unha semana adicada á conservación do Medio Ambiente.
As actividades centraranse na importancia da biodiversidade en Galicia e alertarán do perigo que sofren especies en perigo de extinción.
O Concello de Oroso ten preparado un amplo programa de actividades para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o vindeiro venres 5 de xuño. Un programa que inclúe unha exposición “Especies galegas en perigro de extinción” un obradoiro sobre biodiversidade e unha visita á planta de Sogama en Cerceda.
As actividades darán comezo o vindeiro luns, 1 de xuño, coa inauguración dunha exposición sobre biodiversidade e especies en perigo de extinción en Galicia. Unha mostra de pósters informativos, cedidos pola Xunta de Galicia, que poderá contemplarse ata o 5 de xuño no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.
Para o xoves 4 de xuño, o Concello de Oroso ten programada unha viaxe á planta de reciclaxe de Sogama (Cerceda). Unha viaxe gratuita na que poderán participar ata 50 veciños e veciñas do municipio, que teñen que anotarse previamente na Biblioteca Municipal de Sigüeiro. O autobús sairá ás 18:00 horas de Sigüeiro. A viaxe está inicialmente aberta a todas as idades, se ben é preciso que os rapaces de curta idade acudan acompañados dun adulto.
Obradoiro sobre biodiversidade
Por último, o Concello de Oroso programou para o venres 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, un obradoiro sobre biodiversidade. Unha iniciativa na que poderán participar ata 20 nenos e nenas, maiores de 5 anos, que versará sobre a biodiversidade vexetal e animal de Galicia e, en concreto, de Oroso, así como das especies que se atopan en perigo de extinción, principalmente pola acción do ser humano.
Unha vez compartidas estas informacións, que serán impartidas pola técnico de Medio Ambiente do Concello de Oroso, Paloma Blanco, os rapaces realizarán manualidades relacionadas coa conservación do medio ambiente. Este obradoiro, totalmente gratuito, terá lugar no Centro Cultural Fernando Casa e Novoa de 17:00 a 19:00 horas. Ao igual ca na viaxe a Sogama, para participar é preciso anotarse previamente na Biblioteca Municipal de Sigüeiro.