Vinte rapaces de Oroso colocan caixas-niño para paxaros no paseo do Río Carboeiro.
As caixas-niño foron realizadas polos propios pequenos, de entre 8 e 14 anos, nun obradoiro organizado polo Concello de Oroso.
Un total de vinte rapaces e rapazas de Oroso, de entre 8 e 14 anos de idade, colocaron cadansúa caixa-niño para paxaros nas árbores do Paseo do Río Carboeiro. Unhas caixas-niño que fixeron coas súas propias mans nun obradoiro gratuito organizado polo Concello de Oroso durante as mañáns dos días 6, 7 e 8 de abril.
A técnico de Medio Ambiente de Oroso, Paloma Blanco, encargada de dirixir este obradoiro, explica que “durante a xornada do luns dedicámonos a construir as caixas-niño cunhas madeiras e unhas ferramentas que lles proporcionamos. O martes pasámolo decorando e pintando as casas e hoxe mércores saímos ao paseo do Carboeiro a colocalas nas súas respectivas árbores”. Unha colocación que, por razóns de seguridade, realizaron técnicos municipais, xa que as caixas-niño ubícanse sobre as árbores e a varios metros de altitude.
As caixas de madeira foron construidas coas medidas axeitadas para poderen ser empregadas por especies coma o gorrión (común e molinero), a abubela, o torcecuello, o papamoscas gris, o herrerillo (común e capuchino), o carbonero (común e garrapinos), o chochín, o trepador azul, o agateador común, a lavandeira cascadeña e o roquero solitario. De feito, durante o obradoiro os rapaces aprenderon tamén a identificar as distintas especies de paxaros que se poden contemplar en Sigüeiro.