Oroso denuncia graves perxuizos económicos para os veciños se a Xunta incumpre o compromiso de instalar o Centro 112 no municipio.
O concelleiro de Seguridade Cidadá critica a falla de respecto institucional da Xunta, ao non dirixirse ao Concello, e non descarta convocar aos veciños para protestar “contra o desprezo do actual Goberno da Xunta cara o pobo de Oroso”.
O concelleiro de Protección Civil e Seguridade Cidadá, Pepe Castro, denuncia “os graves perxuizos económicos que lle causarían aos veciños e veciñas de Oroso, en xeral, e aos propietarios das parcelas cedidas no polígono San Martiño II, en particular, o incumprimento do compromiso da Xunta de instalar o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia no parque empresarial orosán”. O Concello de Oroso amosa a súa inquietude diante das últimas afirmacións realizadas no Parlamento galego polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, nas que anunciaba que estaba a estudiar a localización da futura AXEGA nas instalacións da Academia de Seguridade da Estrada.
Castro Rial considera unha falta de respecto institucional que a Xunta “non comunicase oficialmente esta situación ao Concello de Oroso, máxime cando estamos falando dunha actuación xa comprometida e na que existe un convenio asinado”. Neste sentido, o concelleiro lembra que o pleno municipal de Oroso aprobou por unanimidade, o pasado 21 de novembro de 2008, a cesión dunha parcela de 10.598 metros cadrados ubicada no polígono empresarial San Martiño II á Consellería de Presidencia para albergar as dependencias do edificio de coordinación dos medios en tarefas de Protección Civil de toda Galicia.
Perda de postos de traballo
“O Concello de Oroso xa publicara no BOP de 21 de xuño de 2008 a ocupación directa dos terreos precisos para esta obra”, lembra Pepe Castro, “unha parcela que está calificada para albergar equipamentos públicos e cuxo valor hoxe non é o mesmo que era nun principio, o que suporía un importante perxuizo económico para os propietarios que cederon eses terreos”.
Así mesmo, o concelleiro de Proteccción Civil e Seguridade Cidadá advirte tamén dos “importantes danos económicos” que se lles causarían tamén aos veciños e veciñas de Oroso, xa que “a instalación en Oroso do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia traería riqueza e postos de traballo a este municipio”. Por iso, e no caso de confirmarse o incumprimento do compromiso por parte da Consellería da Presidencia, Pepe Castro non descarta “convocar aos veciños e veciñas para manifestarse diante deste desprezo amosado polo actual Goberno da Xunta de Galicia cara o pobo de Oroso”.
Finalmente, Castro Rial fai un chamamento aos voceiros dos grupos da oposición, “e en especial á voceira do Partido Popular, xa que é compañeira de partido do actual conselleiro da Presidencia”, para que defendan o compromiso adquirido en 2008 pola Xunta de Galicia e se pronuncien a favor de que as instalacións do Centro de Atención de Emerxencias se manteñan na ubicación comprometida, no polígono empresarial San Martiño II de Oroso.