subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso considera que os problemas de tráfico do luns poñen de manifesto a urxencia dunha alternativa á N-550.


Manuel Mirás lembra que “levamos dez anos pedindo unha alternativa pero o enlace sur da AP-9 aínda non se licitou e a variante leva tempo con cantidades ridículas”.

O Concello de Oroso considera que as importantes retencións de tráfico que tiveron lugar na tarde/noite do luns poñen de manifesto unha vez máis a imperiosa necesidade de que Oroso conte cunha alternativa de paso á N-550. Unha situación que se produce a miudo e que onte se viu agravado por un pequeno accidente que tivo lugar na rúa do Portiño e que provocou significativas retencións.

O alcalde orosán, Manuel Mirás, lamenta as molestias sufridas non só polos veciños de Oroso senón por todos aqueles que se viron inmersos neste atasco, pero lembra que “a N-550 é unha vía de carácter estatal na que nós podemos colaborar axudando a regular o tráfico, pero sobre a que non temos competencias directas”. Por iso, o alcalde orosán indica que “o que Oroso e Sigüeiro precisan é unha alternativa á N-550 pola que levamos dez anos loitando, pero o enlace sur da AP-9 aínda non se licitou e no caso da variante cada ano que pasa as cantidades que se destinan a estudos informativos e proxectos son máis ridículas”.

No que atinxe ao enlace sur da AP-9, cuxo compromiso conseguíu o alcalde orosán en novembro de 2011 do Goberno de Xosé Luís Rodríguez Zapatero e que foi ratificado posteriormente polo Goberno de Mariano Rajoy, o Concello de Oroso xa ten aprobada a modificación do PXOM esixida e está á espera de que se poña en marcha as obras según o acordado en decembro de 2012 entre Audasa e o Ministerio de Fomento. Na actualidade, Itínere, empresa á que pertence Audasa, está pendente dunha emisión global de obligacións para facer fronte a este investimento.

No caso da variante da N-550 entre Ordes e Sigüeiro, o último avance tivo lugar en decembro de 2010, data na que se adxudicou o estudo informativo por 339.018,81 euros á empresa Eyser, Estudios y Servicios. Xa daquela, Mirás Franqueira aseguraba que esta obra “vai para rato” e calculaba que “podemos estar falando de entre 7 ou 10 anos”. Tres anos despois, non se leva adiantado nada sobre o tema e deses 339.000 euros anunciados tan só se prevé investir 5.000 euros durante 2014, tal e como recolle o proxecto de Orzamentos do Goberno para 2014.

Unha situación que se suma ao pésimo estado de conservación da N-550, chea de fochancas e con algúns puntos nos que a capa de rodadura é case inexistente, e cuns camiños de servizo totalmente intransitables. Unha situación que leva sendo denunciada en reiteradas ocasións non só polo Concello de Oroso, senón por todos os alcaldes da comarca de Ordes, e que podería agravarse coas inclemencias metoeorolóxicas propias do próximo inverno, pois a N-550 leva máis de 20 anos coa mesma capa de rodadura.

Por último, o Concello de Oroso procederá a revisar os semáforos situados na intersección da N-550 coa avenida da Grabanxa e coa rúa do Portiño por se a súa regulación pode mellorarse. Sen embargo, Manuel Mirás xa adianta que “non se pode optar por poñer sempre en ámbar os semáforos xa que habería horas nas que non habería forma de incorporarse á N-550 dende a Grabanxa ou dende a rúa do Portiño”. Neste sentido, o Concello de Oroso está a estudar outras alternativas, como a construción dunha rotonda no lugar.