subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso e a comunidade escolar repartirán 3.000 xogos para incentivar a reciclaxe de lixo entre as familias.


O alcalde, Manuel Mirás, explicou que unha separación correcta dos residuos en orixe pode supoñer ata un 30% de aforro para o Concello.

O servizo ‘Línea Verde Oroso’ xa resolveu máis de cen incidencias sobre o medio ambiente e servizos municipais desde a súa activación.

orosoO Concello de Oroso e a comunidade educativa colaborarán no reparto dun xogo de reciclaxe entre os estudantes das escolas infantís, os colexios de infantil e primaria e o instituto de secundaria do municipio. Cunha dinámica semellante ao xogo da Oca e protagonizado por ‘Troi’, unha mascota educativa inspirada nunha troita, vanse repartir inicialmente 3.000 exemplares do xogo, co propósito de que chegue a todas as familias con nenos.

O xogo foi presentado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e os concelleiros de Ensino, Antonio Leira, e de Medio Ambiente, José María Castro, nun acto ao que asistiron representantes das ANPAS e dos distintos centros educativos. Mirás explicou que o xogo quere aproveitar o feito de que os nenos e nenas actúan a miúdo como mestres nas súas casas, de modo que “a través deles pretendemos conseguir unha mellora significativa da separación e reciclaxe do lixo en Oroso”.

Mirás expuxo que “a sociedade aínda non é o suficientemente consciente do problema que temos cos residuos, xa que en Sogama cando menos o 40% de todo o que chega non se recicla e se non colaboramos desde a orixe vai ser imposible ter un ambiente sano para os nosos fillos e netos”. Ademais desta prioridade educativa, o alcalde indicou que unha mellora neste eido permitirá reducir ata nun 30% os residuos que o Concello remite á planta de Sogama de maneira impropia, co correspondente aforro económico. Estímase que se poderían enviar uns 1.500 quilos menos cada día á planta de Cerceda, o que en termos económicos equival a uns 110 euros diarios que non gastaría o erario municipal.

Boa acollida Línea Verde Oroso

Por outra parte, o goberno municipal aproveitou o acto de presentación do xogo de ‘Troi’ para dar conta da boa acollida que está tendo o servizo ‘Línea Verde Oroso’, desde a súa posta en funcionamento a comezos do verán pasado. O alcalde asegurou que xa supera as cen incidencias atendidas e comentou que se trata “dun dos sistemas máis cómodos e inmediatos coa que conta a cidadanía para transmitirlle á administración local problemáticas ambientais ou de servizos básicos”, que son atendidas en menos de 24 horas.

‘Línea Verde Oroso’ conta cunha aplicación para móbiles intelixentes e cun sitio web (www.lineaverdeoroso.com), nas que os cidadáns poden formular consultas, comunicar incidencias ou obter información unha guía de boas prácticas sobre medio ambiente, facerse con recursos sobre educación ambiental, ou acceder á lexislación e normativa sectorial, entre outros moitos contidos.

Mirás animou á comunidade escolar presente no acto a utilizar tamén ‘Línea Verde Oroso’ como ferramenta educativa e tamén emprazou á cidadanía en xeral a valerse desta aplicación para denunciar situacións ás que o Concello cos seus medios non pode chegar por si só. Puxo como exemplo o comportamento incívico dalgúns propietarios de cans, que non recollen os seus excrementos en parques e zonas verdes. “Temos unha moi boa ordenanza nesta materia –destacou o alcalde- pero o Concello non pode estar detrás de cada persoa que saca o seu can, de modo que aínda que non sexa moi cómodo denunciar un veciño pedimos colaboración cidadá para coñecer estes casos”. Tamén anunciou que en breve se iniciará unha campaña de vixilancia, con sancións, para quen paseen coa súa mascota sen portar a bolsa coa que recoller os excrementos e depositalos no lugar axeitado.