subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso consegue o mellor resultado en reciclaxe de envases lixeiros que tivo nunca o Grupo Soil nun municipio.


A caracterización realizada por Ecoembes recolle que o 90,42% dos residuos depositados nos contedores amarelos son de materiais propios.
O edil de Medio Ambiente, Pepe Castro, felicita aos veciños pola súa sensibilidade e salienta o éxito das campañas formativas sobre reciclaxe levadas a cabo no municipio.

O Concello de Oroso vén de conseguir o mellor resultado en reciclaxe de envases lixeiros que tivo nunca o Grupo Soil nun municipio, cun 90,42% de materiais propios na caracterización realizada por Ecoembes correspondente ao período xaneiro-abril 2015. Así llo confirmou Marcial Alonso, responsable de operacións e de relacións coa administración local na liña de residuos de Grupo SOIL, ao alcalde Manuel Mirás e ao concelleiro de Medio Ambiente, Pepe Castro.

Castro Rial apunta que “o Grupo Soil asegurounos que é o mellor resultado que tiveran nunca nun concello, xa que na recollida dos contenedores amarelos había un 90,42% de materiais propios e menos dun 10% de impropios, o que cualificou como un logro case incrible”. Un éxito que, segundo Pepe Castro, “corresponde aos veciños e veciñas de Oroso, a quen temos que felicitar pola súa sensibilidade co medio ambiente e a súa boa separación en orixe, e tamén ao éxito das campañas formativas sobre reciclaxe que levamos a cabo en Oroso tanto a nivel xeral como cos escolares e grupos como a terceira idade, con iniciativas novidosas como o xogo de Troi”.

Segunda caracterización de Ecoembes

Estes datos proceden da caracterización realizada por Ecoembes o pasado 2 de febreiro, sobre unhas mostras recollidas o 30 de xaneiro en Oroso. O camión, que recolleu o lixo depositado nos contedores amarelos de todo o municipio, entregou na planta de Cerceda un total de 239,1 quilos (o 60% da capacidade do camión). Segundo o informe de Ecoembes, correspondente ao período xaneiro-abril de 2015, un total de 216,21 quilos (o 90,42%) correspondíase co material solicitado, sobre todo plásticos PET (o 25,87%), plásticos film (26,79%) e bolsas dun solo uso (20,37%). Ademais, dos 22,92 quilos de lixo que non se correspondía, 5,79 quilos puideron ser reciclados tamén xa que era papel impreso.

O alcalde Manuel Mirás amosa a súa satisfacción por estes resultados, se ben considera que incluso se pode mellorar. “Temos que ser conscientes de que, ademais do efecto positivo que isto produce no noso medio natural, tamén supón un importante apoio económico para o Concello xa que se enviamos unha tonelada de latas a Sogama, cobraranos 74 euros pero se van no contenedor amarelo recibiremos 30 euros”, apunta Mirás Franqueira, quen explica que “deste xeito non tivemos que aplicar o taxazo de Sogama e non houbo que subirlles o recibo do lixo aos veciños e veciñas de Oroso”.

Resultados das campañas

Os resultados das campañas de concienciación ambiental postas en marcha polo Concello de Oroso son máis que evidentes. No último ano foi quen de reducir nun 25,91% a porcentaxe de residuos que van ao contenedor xeral que se envía a Sogama: pasando dun 26,2% en 2013 ao 19,41% a 19 de agosto de 2014.

Ademais, o Concello incrementou no último ano nun 15,58% o número de contenedores amarelos para a recollida de plástico, bricks e metal, que en Oroso pasaron de 130 en 2013 a 154 unidades en 2014. “O noso obxectivo para os próximos tres anos é enviar a SOGAMA dúas toneladas e media de residuos menos cada día, xa que agora estamos enviando unha media de sete toneladas diarias”, explica o alcalde de Oroso. “Estamos facendo un enorme esforzo por concienciar á veciñanza na importancia de reducir, reutilizar e reciclar pois, ademais dos beneficios que lle reportamos ao noso medio ambiente, tamén podemos aforrar moitos cartos”, indica Mirás.

Entre eses esforzos, destacan dous. En primeiro lugar, unha campaña de sensibilización dirixida especialmente aos máis novos do municipio. Trátase dun xogo, semellante ao taboleiro da Oca, protagonizado por “Troi”, unha troita que lles ensina aos rapaces e rapazas como reciclar e as vantaxes da reciclaxe dun xeito divertido. En segundo lugar, nos orzamentos de 2015 inclúense 102.000 euros para a construción do punto de reciclaxe “Oroso verde”.