subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Inaugurado de forma oficial en Gran Bretaña o primeiro tramo do Camiño Inglés, unha iniciativa impulsada polo Concello de Oroso


orosoO concelleiro de Turismo de Oroso, Antonio Leira, colocou no quilómetro cero do Camiño Inglés o sinal coa primeira frecha amarela que se pon na Gran Bretaña, lembrando os lazos históricos que sempre houbo entre Inglaterra e Galicia.

A xornada comenzou cunha reunión coa responsable de Turismo do Condado de Durham, que se sorprendeu de que un concello tan pequeno puidese liderar un proxecto desta magnitude. Tracy Smith comprometeuse a visitar Oroso neste verán para estreitar lazos “e mesmo para aprender das iniciativas do noso concello”, sostén Leira.

Leira animou ás case 300 persoas presentes na abadía de Finchale a “cumprir o soño de ir a Santiago”, como facían os seus antepasados hai medio milenio. O concelleiro foi precedido no uso da palabra por Tracy Smith, deputada de Turismo do condado de Durham, que se referiu ao esforzo do concello de Oroso para promocionar esa ruta xacobea como “un exemplo a seguir”.

Ao acto asistiron dúas ducias de estudantes de Corea do Sur e Xapón, así como a parella que hai case un ano converteuse na primeira de Durham en percorrer o Camiño Inglés desde hai 500 anos. Rematadas as intervencións, todos peregrinaron ata a catedral de Durham seguindo o trazado medieval, de algo máis de sete quilómetros.

Os actos e a camiñata remataron na Catedral de Durham, onde foron recibidos por unha comitiva de tambores e gaiteiros e polos máximos responsables da catedral e o alcalde de Durham, o cal trasladou ao Concello de Oroso e ao seu alcalde os parabéns polo traballo que están a facer.

Sen dúbida unha xornada histórica onde o Concello de Oroso deixou a súa pegada e compromiso, un traballo de impulso da ruta que lidera o alcalde Manuel Mirás dende hai moitos anos e que no día de hoxe deu un novo paso.