subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso procedeu a limpeza das fontes e lavadoiros do municipio.


Os operarios municipais remataron hoxe martes os traballos coa limpeza e recuperación dun antigo lavadoiro no lugar de Couso (Senra).

oroso O Concello de Oroso vén de rematar hoxe martes coa limpeza das fontes e lavadoiros do municipio. Unha iniciativa incluída nun plan deseñado polo Concello de Oroso para recuperar e poñer en valor estas construcións. “É o primeiro paso que damos de cara a posterior restauración daquelas fontes ou lavadoiros que o precisen”, apunta o concelleiro de Limpeza Viaria, Xosé Castro Rial.

Os traballadores municipais traballaron durante toda esta mañá na recuperación dun antigo lavadoiro situado no lugar de Couso, na parroquia de Senra. Trátase dun lavadoiro situado á beira da estrada AC-3801, que comunica Sigüeiro e Senra, e que apenas estaba visible, xa que se atopaba cheo de terra e maleza. Os operarios procederon a retirar todos os refugallos da zona, queimar a maleza que cubría o lugar e descubrir os restos deste antigo lavadoiro, que collía auga dun regato próximo.

Durante estas últimas semanas, o Concello de Oroso procedeu á limpeza dos distintos lavadoiros e fontes existentes no municipio. Así, na parroquia de Trasmonte traballouse sobre dous lavadoiros e na recuperación dunha fonte en San Roque. En Deixebre, os operarios municipais acondicionaron dous antigos lavadoiros e un muíño. Finalmente, en Senra, procedeuse tamén á limpeza doutros dous lavadoiros, un situado na localidade de Senra e outro en Couso, a menos dun quilómetro do restaurado hoxe.