subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello amplía o servizo de recollida de papel en Sigüeiro e lévao por primeira vez ao rural.


O Concello vén de adxudicar a Cogami-Coregal o servizo recollida de papel e cartón, para o que contará con 20 contenedores máis

O Concello de Oroso vai ampliar o servizo de recollida selectiva de papel e cartón no municipio. Un servizo que o Concello de Oroso vén de adxudicar á empresa Coregal-Cogami e que, por primeira vez, achegará tamén aos veciños e veciñas das distintas parroquias do municipio a partires do vindeiro 1 de outubro.

Para mellorar este servizo, o concelleiro de Limpeza Viaria, José María Castro Rial, anuncia que o Concello de Oroso “vai a contar con máis de vinte novos contenedores de recollida de papel e cartón para potenciar o servizo no núcleo urbán de Sigüeiro e poder levalo tamén ao rural”. Ata o de agora, o servizo de recollida selectiva de papel e cartón estaba limitado ao núcleo urbán de Sigüeiro. Dende o vindeiro 1 de outubro, a recollida selectiva de papel e cartón farase unha vez á semana e ampliarase tamén ao rural.

A ampliación do servizo de recollida selectiva únese a outra serie de iniciativas que o Concello de Oroso vai levar a cabo nos vindeiros meses para mellora-lo tratamento dos residuos sólidos urbáns do municipio e mellorar así a calidade de vida dos veciños e veciñas. Así, o Concello de Oroso vai proceder nos vindeiros meses á instalación de contenedores soterrados de lixo na localidade de Sigüeiro.

O primeiro destes contenedores soterrados instalarase na rúa Camiño Real e o Concello de Oroso estima que as obras poderían desenvolverse nun prazo aproximado de cinco meses. Posteriormente, estas actuacións extenderanse ás demais prazas e rúas de Sigüeiro. O obxectivo do Concello de Oroso é ter soterrados a maioría dos contenedores nun prazo de catro anos.

Ata entón, e na súa preocupación pola defensa do medio ambiente, o Concello de Oroso ten previsto levar a cabo unha campaña de concienciación entre a poboación do municipio para a boa utilización dos contenedores actuais. O obxectivo é concienciar aos veciños/as de Oroso da importancia de separa-los refugallos nos seus fogares e despois depositalos nos seus correspondentes contenedores: papel e cartón, vidro, envases lixeiros e residuos orgánicos.