O Concello de Oroso pedirá a retirada inmediata dos depósitos de gas instalados no municipio.
O Concello esixirá que os baixos baleiros do municipio sexan rehabilitados dacordo coa fachada dos inmobles nos que figuran.
O Concello de Oroso vai esixi-la retirada inmediata dos distintos depósitos de gas existentes no municipio. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que esta medida figura dentro das actuacións que o Concello está a levar a cabo “para mellora-lo entorno urbanístico e a calidade de vida dos veciños/as de Oroso”. Esta petición afectará a distintos depósitos de gas en Sigüeiro como, por exemplo, o situado detrás do Edificio de Servizos Múltiples ou o ubicado nas beiras do río Tambre, detrás da praza do Chinto. Os veciños/as que estén na actualidade conectados a estes depósitos pasarán a engancharse á rede de gas canalizado.
Asimesmo, o Concello de Oroso tamén solicitará a rehabilitación da caseta que Telefónica ten instalada na explanada da piscina municipal de Sigüeiro. De feito, o Concello de Oroso xa comezou as xestións pertinentes para recuperar esta zona e remitíulle un escrito á compañía no que se lle pedía o adecentamento deste local.
Finalmente, o Concello de Oroso tamén vai seguir coas súas actuacións de mellora e adecentamento dos locais públicos e privados existentes no municipio. Por iso vai esixir que tódolos baixos baleiros e que non estén destinados a ningún negocio teñan que conserva-lo mesmo estado da fachada dos edificios nos que están ubicados.