subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Nenos e nenas de 2 e 3 anos da gardería de Oroso plantaron setenta árbores en Vilarromariz.


Os pequenos e pequenas plantaron carballos e bidueiros cos seus respectivos nomes nunha parcela cedida polo Concello de Oroso.

oroso Os meniños e meniñas da escola infantil de Oroso, participaron esta mañá na plantación de setenta carballos e bidueiros na parroquia de Vilarromariz (Oroso). Unha iniciativa organizada pola escola infantil municipal “A Ulloa” e que contou coa colaboración do Concello de Oroso, que cedeu a parcela onde se plantaron as árbores e deixou todo preparado para a actividade.

Ás 11:00 horas, o concelleiro de Medio Rural, Jaime Carneiro, e as concelleiras de Educación e Asuntos Sociais, Vanessa Reboredo e Mari Carmen Liste, repartiron as árbores entre os pequenos e as pequenas, dándolles unha etiqueta en forma de folla onde viña o nome do cativo e a parcela na que plantar a súa árbore. Deste xeito, os pequenos que o desexen poderán visitala, xa que levaron para as súas casas un pequeno mapa coa situación exacta desta.

arbore Os rapaces chegaron totalmente ataviados para a iniciativa dende as súas casas, cun calzado axeitado e algúns mesmo con mono azul de traballo. Despois de algo máis de media hora de duro traballo, compartido cos seus pais e nais, cada pequeno plantou unha árbore. E mesmo houbo catro ou cinco que se animaron con algunha máis.

A parcela cedida polo Concello de Oroso xa tiña a terra movida e identificada co número de cada rapaz, que metía a árbore no burato e a enchía de terra cunhas palas proporcionadas pola gardería. Posteriormente, era tempo de regar o seu abrocho cunhas regadeiras que enchían nuns barreños de auga colocados para a ocasión. Para premiar o seu esforzo, e despois dunha necesaria limpeza coa auga que quedaban nos barreños, os pequenos tiveron un almorzo con batidos e sándwichs.

En definitiva, unha iniciativa da que gozaron tanto os pequenos coma os seus pais, que non deixaron de axudalos e de tirarlles fotografías en ningún momento. Ademais, a climatoloxía acompañou e, aínda que choveu un par de horas antes da saída, a choiva non fixo acto de presenza durante toda a actividade e non desluciu a plantación. Unha iniciativa que rematou cunha foto de grupo de todos os asistentes.

Esta é a segunda ocasión na que pequenos da gardería municipal plantan árbores nesta parroquia. De feito, moitas das árbores da anterior plantación medraron na parcela seguinte á utilizada esta mañá e son visitados de cando en vez polos seus “pequenos propietarios”.