Medio Ambiente investirá 140.000 euros na mellora da EDAR de Sigüeiro.
O pleno municipal aprobará este venres o proxecto reformado que mellorará o subministro de auga potable ás parroquias de Cardama, Senra, Ánxeles, Calvente, Pasarelos e Marzoa.
A Consellería de Medio Ambiente vai investir 140.000 euros na mellora das instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sigüeiro. Uns traballos que permitirán adaptala á nova normativa de verquidos e ampliala para que poda dar servizo a máis usuarios. Na actualidade, esta EDAR dá servizo a 3.900 persoas e “unha vez en marcha a rede de sumidoiros entre Sigüeiro, Oroso, Deixebre e Trasmonte vaise ampliar en cincocentos novos usuarios”, apunta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Unha rede que podería quedar conectada no prazo aproximado de oito meses.
As obras de mellora da EDAR de Sigüeiro incluirán unha renovación do sistema de desbaste, o que permitirá mellorar as características do auga e evitará o paso de lixos sólidos ás bombas de cabeceira, que causaban atascos e averías nas mesmas. Asimesmo, substituirase a parrilla de difusores de aire por unha nova, xa que o sistema non funciona na actualidade e iso fai que o proceso de desarenado-desengraxado sexa deficiente.
Ademais, repararanse os equipos de tratamento terciario mediante raios ultravioleta. Un tratamento que non foi empregado dende a posta en marcha da EDAR, xa que o nivel de turbidez que tiña o auga o convertían en inservible. Finalmente, executarase unha cuberta para o contedor de recollida de fangos deshidratados para evitar o seu deterioro a causa das inclemencias meteorolóxicas.
Este proxecto de melloras na EDAR será aprobado polo pleno municipal na sesión extraordinaria que terá lugar este venres, 14 de marzo, ás 13:00 horas. Unhas melloras que están enmarcadas dentro da sensibilidade do Concello de Oroso no tema dos verquidos, como amosa a modificación do regulamento de verquidos aprobada no último pleno. Unha modificación que, unha vez que entre en funcionamento, dará pé a que a empresa concesionaria visite a todas as firmas do municipio para informarlles da situación e facer as distintas comprobacións sobre os verquidos. Despois, estas empresas terán un prazo para adaptarse a esta nova normativa xa que “esta nova EDAR non é para verquidos industriais, é só para domésticos”, explica Mirás Franqueira.
Auga potable
Por outra banda, o pleno municipal aprobará o proxecto reformado de auga potable ás parroquias de Cardama, Senra, Ánxeles, Calvente, Pasarelos e Marzoa. Trátase dunha obra orzamentada en máis de 251.000 euros e que está incluida dentro do Programa Operativo Local 2000-2006. Un proxecto que permitirá a construcción dun novo depósito de auga no lugar de Petón, cunha capacidade de 114 m3, e que completará o servizo que presta o depósito actualmente en funcionamento.
Este reformado non implicará cambio de orzamento e está motivado polo feito de que, cando se iniciaron as obras de cimentación do novo depósito, detectouse que o terreo estaba conformado por un material máis feble do previsto, o que non facía aconsellable a execución do depósito con módulos prefabricados. Ante as recomendacións dos técnicos, o Concello de Oroso optou por executar este depósito con formigón armado.
O depósito principal regula uns 2 millóns de litros de auga, suficientes para o abastecemento das parroquias de Cardama, Senra, Ánxeles, Calvente, Pasarelos e Marzoa. O Concello de Oroso apostou por construir un novo depósito, ubicado a unha maior altura co anterior, xa que permitirá unha mellor distribución do auga entre os máis de 1.000 veciños destas parroquias, tanto en caudal coma en presión.