subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso instala tres Parques Infantís a carón das escolas unitarias de Senra, Deixebre e Trasmonte.


Os traballos tamén incluíron a renovación do parque infantil da praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro).

orosoO Concello de Oroso instalou tres novos parques infantís nas parroquias de Senra, Deixebre e Trasmonte, que están situados a carón das respectivas escolas unitarias. Unhas obras que incluíron tamén traballos de mellora no parque infantil da praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro), un dos máis utilizados da capital municipal pola súa situación, nun lugar moi fresco a carón do río Carboeiro.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Xosé Castro, sinala que as obras consistiron “na reposición do firme do parque da praza Alexandre Bóveda, que quedou cunha base de caucho baixo os bambáns e céspede no seu contorno”. Un parque que conta cun peche perimetral de madeira. Unhas características que se manteñen nos parques infantís das unitarias de Deixebre, Senra e Trasmonte, que dispoñen de tobogáns, bambáns e balancíns.

Con estes traballos, incluídos no Plan Provincial de Parques Infantís da Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Oroso dá continuidade ás obras de mellora nos seus parques infantís acometidas no primeiro semestre de 2008. Uns traballos que daquela permitiron a substitución dos antigos bambáns dos parques infantís do paseo do río Carboeiro e da praza Alexandre Bóveda (ambos en Sigüeiro) por uns novos.