subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso preparará 5.000 bólas de arxila con microorganismos efectivos para a limpeza de treitos dos ríos Tambre e Carboeiro.


Os obradoiros de EM-Dango que comezan hoxe implican a escolares e veciños en xeral dentro do ciclo de actividades “Biodiversidarte”.

orosoOs obradoiros de reciclaxe para a recuperación dos ríos organizados polo concello de Oroso no seu ciclo “Biodiversidarte” comezaron hoxe a preparación dunhas 5.000 bólas de EM-Dango que se empregarán para a limpeza e recuperación de diversos treitos dos ríos Tambre e Carboeiro ao seu paso polo municipio.

Nestes obradoiros, que se desenvolven nos centros educativos para os escolares e no centro cultural Fernando Casas e Novoa para o público en xeral, seguirase a técnica desenvolvida polo doutor xaponés Teruo Higa para a depuración de augas mediante o uso de microorganismos eficientes (EM). Deste xeito, os participantes comezarán por amasar unha mestura de arxila e auga, á que se lle engadirá unha substancia líquida na que se agrupan os microorganismos.

O seguinte paso é a preparación das bólas (dango, en xaponés) coa masa elaborada. Dun tamaño semellante ao dunha pelota de tenis, serán almacenadas a unha temperatura de entre 20 e 30 graos centígrados durante varias xornadas para propiciar a súa fermentación e o crecemento e multiplicación dos microorganismos.

O derradeiro capítulo deste obradoiro terá lugar o sábado 16 de outubro, cando se botarán as bólas nunha serie de treitos dos ríos Tambre e Carboeiro nos que se observou previamente excesiva presenza de lodo. A función dos microorganismos é a de disolver os lodos desde o fondo da canle, dando como resultado final a descontaminación do treito sobre o que se intervén.

Tal como explica o monitor do obradoiro, o técnico ambiental Juan Gaiteira, para asegurar o maior éxito deste proceso cómpre que os microorganismos “comecen a liberarse desde o fondo e veñan comendo os lodos cara arriba”. De aí que se utilicen as bólas de arxila, que por gravidade se asentan no fondo da canle e ademais propician unha liberación lenta dos EM.

Gaiteira explica que este sistema foi xa probado con éxito en países como Xapón, Estados Unidos ou Malaisia. En España tamén se aplicou en zonas moi degradadas do río Segura en Murcia, que experimentaron unha considerable mellora. O técnico ambiental matiza que os obradoiros de Oroso teñen máis ben un carácter demostrativo para a cidadanía, xa que para proceder a unha actuación integral nunha canle cómpren diversos estudos e cálculos previos.

Do mesmo xeito, cabe indicar que se trata dunha técnica inofensiva para o ecosistema fluvial. “Os microorganismos eficientes utilizados son ubicuos, existen en todo o espazo natural e o único que se fai é potencialos e aproveitar as súas funcións para disolver os lodos e descontaminar os ríos”, expón Juan Gaiteira. De feito, tamén se utilizan para limpeza de estanques ou foxos de xurro, nos que adoitan liberarse directamente os EM, sen utilizar as dango.

Obradoiro en varias sesións dentro do ciclo “Biodiversidarte”

Ademais das sesións que se desenvolven nos distintos centros escolares do municipio, os obradoiros de EM-Dango para o público en xeral proseguirán os vindeiros mércores 22 e 29 de setembro no centro cultural Fernando Casas e Novoa en Sigüeiro. Están todos programados para as 18 horas.

Este obradoiro supón o comezo do ciclo “Biodiversidarte”, cunha serie de actividades paralelas ao V Certame Internacional OrosoArte2010, que inaugura a súa exposición o vindeiro venres e estará aberta ata o martes 12 de outubro. O certame dedícase este ano á relación entre arte e biodiversidade, co gallo de que 2010 foi declarado pola Asemblea Xeral da ONU Ano Internacional da Diversidade Biolóxica.

“Biodiversidarte” programou ademais charlas informativas sobre “O coidado e a recuperación dos nosos ríos”, obradoiros para promover o “bokashi” como técnica para a compostaxe da materia orgánica mediante a fermentación, e sesións de cinefórum nas que se pasarán os documentais “Unha verdade incómoda” e “Unha visión case apocalíptica do planeta”, ideados polo ex presidente dos Estados Unidos Al Gore.