Saúda
Bo día, estimados veciños e veciñas de Oroso:
Como xa sabedes, desde o pleno extraordinario celebrado o pasado 25 de maio teño a honra e a responsabilidade de ser o alcalde do Concello de Oroso.
Quero en primeiro lugar dar as grazas aos meus compañeiros e compañeiras do grupo de goberno por confiar en min para este posto, consciente da dificultade de tomar o relevo ao traballo realizado por Manuel Mirás Franqueira.
Nos seus 38 anos de dedicación ao concello, 20 deles como alcalde de Oroso, foron moitos os logros acadados por Manuel Mirás, melloras en todos os eidos que convertiron unha cidade dormitorio nun pobo, facendo bo o lema de ‘Oroso para vivir’. Pero máis alá dos servizos e infraestruturas, quero agradecer o seu traballo diario, a paixón coa que cada día pelexou polo ben de todos nós. Grazas, Manolo.
Asumo este cargo de alcalde de Oroso con humildade, responsabilidade, moita ilusión e coa man tendida a todos os grupos da corporación. Vivimos tempos complicados e toca traballar unidos co único obxectivo de mellorar a vida da veciñanza.
Vou ser o alcalde de todos e todas, durante as próximas semanas espero falar con todos os colectivos e agrupacións veciñais, culturais, sociais, empresariais ou deportivas, visitando todas as parroquias para coñecer as vosas demandas e inquedanzas.
Desde que tomei posesión, son moitas as persoas que me preguntan polos proxectos que teño en mente para Oroso. Os teño, por suposto, pero ninguén debe esquecer que o principal obxectivo a curto e medio prazo debe xer deixar atrás esta pandemia do coronavirus.
Quero ter unha lembranza moi especial para todas aquelas persoas que desgrazadamente faleceron polo coronavirus, enviando unha agarimosa aperta a todos os seus familiares e achegados. Moito ánimo e saúde tamén para os veciños e veciñas que neste momento teñen a enfermidade, co desexo dunha moi pronta recuperación.
Estamos a vivir unha proba como sociedade, un desafío da natureza que nos obriga como representantes da veciñanza a ter unha visión de conxunto, a non deixar a ninguén atrás, a traballar cada día para darlle unha resposta aos colectivos máis desfavorecidos ou en risco de exclusión. A vacinación avanza a moi bo ritmo pero a pandemia e as súas consecuencias aínda non terminaron. Temos que facer un último esforzo.
Como alcalde do Concello de Oroso, ese é o meu primeiro obxectivo: axudar en todo o que poida para deixar atrás a Covid-19 e recuperar a normalidade.
Dentro das nosas competencias, continuaremos impulsando medidas e axudas para reactivar a economía e axudar aos sectores máis afectados pola pandemia. Nunca é suficiente, somos moi conscientes.
Quero aproveitar estas liñas para daros as grazas de antemán pola vosa axuda e engadir que, como non podía ser doutra maneira, tedes abertas as portas do concello para trasladarme todas aquelas cousas que vos preocupan ou interesan.
Fun testemuña de como coa vosa colaboración puxemos entre todos a Oroso no mapa e hoxe temos a sorte de vivir nun bo lugar para criar a un fillo, traballar e vivir, un concello cunha contorna natural privilexiada que debemos coidar e protexer.
Espero estar á altura da miña nova responsabildade e comprométome a traballar os 365 días do ano polo ben de Oroso, polo ben de todos vos, estimados veciños e veciñas.
Cordialmente,
Luis Rey Villaverde