VI edición da feira “Primavera no Camiño Inglés", en Beche.

O evento reuniu os 18 concellos polos que transcorre o Camiño na súa vertente inglesa, coa intención de crear sinerxias e compartir experiencias.

A asociación de Concellos do Camiño Inglés premiou o apoio do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, polo seu apoio ao desenvolvemento desta ruta xacobea, a que máis crece en número de peregrinos.

O encoro de Beche, no Concello de Abegondo, acolleu este sábado, 10 de xuño, a sexta edición da feira "Primavera no Camiño Inglés" para promocionar os diferentes atractivos dos municipios polos que transcorre o itinerario que finaliza na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

O acto de inauguración correu a cargo de Antonio Leira, deputado en funcións de Economía e Facenda, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás,e José Antonio Santiso, alcalde en funcións do Concello de Abegondo. Asistiron tamén os alcaldes de Culleredo, Miño, Neda, Carral, Mesía, Oroso, Fene e Fisterra, entre outros.

Como apuntou Leira, "estamos a falar da ruta xacobea con maior crecemento nos últimos anos en canto ao número de visitantes, grazas tamén á colaboración que estamos a levar a cabo entre as diferentes administracións para mellorar tanto o seu itinerario como a súa promoción".

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña foron as encargadas de organizar este evento, que cada ano se traslada a un municipio diferente, e que contou coa presenza de representantes de cada un dos 18 concellos polos que discorre este itinerario xacobeo.

 

diseña ASINFO