O Concello de Oroso pon en marcha un punto de información para peregrinos.

Está emprazado no exterior da piscina municipal de Sigüeiro.

O Concello de Oroso vén de poñer en marcha un punto de información sobre o Camiño Inglés, emprazado no exterior da piscina municipal de Sigüeiro e que ofrecerá información e asesoramento aos centos de peregrinos que se achegan ata o municipio. No acto de posta en funcionamento participaron esta mañá o alcalde, Manuel Mirás, e a concelleira de Turismo, Vanesa Boo.

Boo explica que “escollemos o exterior da piscina municipal xa que se atopa ao pé do Camiño Inglés, polo que así poderemos informar aos peregrinos, especialmente os grandes grupos que teñen programada a súa visita ao longo deste mes, sobre todos os recursos que teñen á súa disposición en Oroso”.

Así, neste punto de información haberá dípticos informativos, mapas, guías turísticas e todo tipo de información, tanto de consulta como para levar. “Queremos que os peregrinos coñezan non só os recursos turísticos do noso municipio, senón tamén a oferta hostaleira e comercial que teñen á súa disposición”, apunta a concelleira de Turismo. Este punto de información para peregrinos estará activo durante a tempada de verán, xa que o resto do ano poden obter esa información tanto no Concello de Oroso como na Casa da Cultura.

deseña ASINFO