A Deputación da Coruña inaugura a primeira mouteira que sinaliza o Camiño Celta en Irlanda

O presidente Valentín González Formoso e o embaixador de España en Irlanda, Ion de La Riva Guzmán, participaron en Bray no acto oficial de inauguración xunto ás autoridades irlandesas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado provincial Antonio Leira, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, continuaron onte coa súa axenda de reunións e actividades na viaxe institucional da Deputación a Irlanda co obxectivo de difundir en ambos países o Camiño Celta, unha ruta xacobea que desde hai séculos conecta Galicia coa illa esmeralda.

A delegación coruñesa visitou a sede da embaixada de España en Irlanda, onde mantiveron unha reunión de traballo co embaixador, Ion de la Riva Guzmán, e o conselleiro de Turismo, Rubén González Pulido, coa intención de estudar accións para promocionar o Camiño Celta en ambos países.

Formoso interesouse pola poboación galega que vive en Irlanda, polas relacións comerciais en sectores estratéxicos como a pesca e por localidades coma Castletownbere, onde residen de forma permanente un elevado número de galegos e onde recalan os numerosos buques galegos que traballan nas augas do Gran Sol.

Galicia, máis preto de Irlanda

O embaixador De la Riva e o presidente da Deputación acordaron tamén colaborar na posta en marcha de diferentes actividades orientadas a promocionar Galicia en Irlanda. Entre elas, a celebración, o próximo 25 de xullo, do Día de Galicia nos xardíns exteriores da embaixada con actividades culturais, gastronómicas e festivas que a Deputación promoverá para dar a coñecer Galicia como destino turístico entre a poboación irlandesa.

Para promocionar Galicia en Irlanda, a Deputación e a embaixada traerán á provincia da Coruña a personalidades irlandesas do mundo da cultura, a empresa, os medios de comunicación e o sector turístico co fin de que coñezan en primeira persoa a historia común que une a ambos territorios e percorran o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, as dúas rutas xacobeas que discorren integramente en territorio da provincia da Coruña e que experimentaron un importante crecemento en número de peregrinos nos últimos anos.

Formoso e De la Riva abordaron tamén a posibilidade de colaborar no futuro entre o condado de Sligo, onde diversas asociacións de memoria histórica manteñen viva a memoria do naufraxio da Armada Invencible en 1588 e o futuro Museo dos Naufraxios de Camariñas, que será financiado pola Deputación na localidade.

A primeira mouteira que guía aos peregrinos irlandeses a Santiago

Despois da reunión, Formoso e o embaixador asistiron no paseo marítimo de Bray ao acto de inauguración da primeira mouteira de pedra que indica o Camiño de Santiago en Irlanda. No acto participaron tamén a alcaldesa Melanie Corrigan e a xefa do executivo do condado de Wicklow, Aoife Flynn Kennedy, entre outras autoridades locais, que agradeceron a presenza da delegación española "nun acto moi simbólico e importante".

No seu discurso inaugural, Formoso agradeceu a aposta das autoridades locais irlandesas e da Camino Society pola promoción do Camiño Celta e destacou o compromiso da Deputación da Coruña coa conservación e difusión "dun legado histórico e un patrimonio cultural único e fundamental para Galicia e para toda Europa, o Camiño de Santiago". O presidente subliñou os "vínculos históricos fortes e estreitos que unen aos pobos de Galicia e Irlanda desde as súas orixes".

Neste sentido, aludiu ao Libro das Invasións (Lebor Gabála), unha das xoias da literatura medieval irlandesa que se conserva na biblioteca do Trinity College de Dubín e que contén a primeira referencia escrita a Breogán, o mítico líder celta que se cita no himno galego, e a como os seus descendentes foron os primeiros celtas que chegaron a Irlanda, tras divisar a illa desde o alto da Torre de Brigantia, a actual Torre de Hércules.

"Cultura, historia, patrimonio, turismo e economía, son os piares da nosa aposta para potenciar ese vínculo secular que une a Irlanda e Galicia. Poden contar coa colaboración da Deputación da Coruña para facer que as nosas terras irmás estean aínda máis preto", afirmou o presidente.

Bray Coastal Camino, unha das nove rutas co Camiño Celta

Esta ruta comeza no paseo marítimo de Bray e finaliza na igrexa de St James, en James Street, no corazón de Dublín, onde a Camino Society ten a súa oficina. Discorre por un espectacular camiño pola costa que ofrece magníficas vistas e interesantes lugares que visitar. Entre eles destacan , a torre e museo de James Joyce en Sandycove, Dún Laoghaire coa súa Victoria Fountain, Blackrock's Martello Towers, Diving Bell e o Famine memorial en Liffey Quays, así como a catedral de Christ Church.

A ruta inclúe a porta dedicada a St James en Dublín, pola que pasaban os peregrinos que partían cara a Santiago de Compostela e que estaba situada non lonxe do hospital fundado polo bispo da cidade ás beiras do río Liffey. Aínda que a porta medieval foi derrubada no século XVIII, a actual conduce á emblemática fábrica de Guinness e conserva o seu nome orixinal en recordo da súa historia. En esta porta os peregrinos poden hoxe en día selar os seus pasaportes antes de continuar ata a igrexa de St James e obter o selo final desta ruta e a Compostela do Camiño Celta.

Bray é a primeira ruta sinalizada cunha mouteira coa cunha e frecha amarela que indica aos peregrinos a dirección a Santiago. A Deputación da Coruña e a Camino Society pretenden sinalizar as nove rutas existentes en Irlanda nos vindeiros meses.

 

diseña ASINFO